FOZ.- A Asociación de Veciños “O Castro” de Foz mostra a súa desconformidade co nomeamento dos integrantes da Comisión de Participación Cidadá para a área sanitaria de Cervo-Burela (A Mariña)
Emiten unha nota para “mostrar publicamente o desagrado que nos produce coñecer ós compoñentes da Comisión de Participación Cidadá para a área sanitaria da Mariña. Non se pode permitir que sexa xente totalmente allea á problemática da nosa zona a que se encargue de velar polos intereses sanitarios da poboación da zona xa que, independentemente do seu grado de formación ou de colaboración, entendemos que estas persoas non coñecen de primeira man e/ou por experiencia propia as situacións concretas que se producen nesta área sanitaria”.
Para tratar de arranxar unha situación que desde “O Castro” de Foz “consideramos problemática e gravemente prexudicial para os intereses non só dos nosos asociados e da poboación de Foz, senón tamén para o conxunto da poboación da Mariña, que é o territorio que integra a área sanitaria de Cervo-Burela (coa excepción do concello de A Pontenova), esta Asociación fíxolle chegar á Consellería de Sanidade un escrito por medio do cal mostramos a nosa enteira colaboración e a nosa total disposición a formar parte da Comisión de Participación Cidadá e ofrecendo a oportunidade de negocialo directamente con nós”.
Ademais, a presidenta da Asociación de Veciños “O Castro” de Foz, Fátima Rodríguez Moreda, iniciou o contacto coa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo a fin de tratar de solucionar esta cuestión da maneira máis rápida e efectiva posible, estando aínda á espera de manter unha entrevista coa persoa responsable deste tema.