Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP considera que a Xunta andou lenta para evitar o virus da lingua azul

SANTIAGO.- O representante do PP na comisión de Medio rural asegura que “a Xunta “chega tarde” para evitar a propagación da enfermidade da lingua azul en Galicia”. Dada a situación sinalan que o Goberno galego debe considerar o cen por cen do valor dos animais para proceder ás indemnización por morte ou sacrificio dos animais afectados co virus.

NOTA DE PRENSA.

O voceiro de Medio Rural denuncia que a Xunta “chega tarde” para evitar a propagación da enfermidade da lingua azul en Galicia, por ter retrasado ata comezos deste mes o inicio da campaña de vacinación, a pesar de que o PPdeG levaba advertindo do risco de propagación do axente infeccioso desde 2005

O PPdeG ESIXE Á XUNTA QUE ELEVE AO 100% DO VALOR REAL DO ANIMAL AS INDEMNIZACIÓNS POR MORTE OU SACRIFICIO DAS RESES CON LINGUA AZUL

* Pretende que, polo menos, os gandeiros afectados conten cun respaldo económico similar ao que se habilitou cando chegou a Galicia a enfermidade das vacas tolas

* Advirte que a ausencia dun plan de prevención se traducirá na morte de “moitos máis animais antes de que a vacina faga efecto”

Santiago, 25 de setembro de 2008.- Despois da actitude irresponsable mantida ata o de agora pola Consellería de Medio Rural, que no propio Parlamento afirmou que o mosquito transmisor da enfermidade da lingua azul nunca chegaría Galicia e, polo tanto, non existía risco de propagación da doenza, o PPdeG esixe á Xunta que incremente ao o 100% do valor real do animal, o importa das indemnizacións por morte ou sacrificio derivados deste epizootia.

Estas dúas demandas foron formuladas este mediodía no concello lucense de Trabada no transcurso dunha rolda de prensa do voceiro de Medio Rural do Grupo Popular, Roberto Castro; do deputado autonómico José Manuel Balseiro; e do alcalde dese municipio, José Manuel Yanes Ginzo.

O PPdeG pretende que, polo menos, os gandeiros afectados conten cun respaldo económico similar ao que se habilitou cando chegou a Galicia a enfermidade das vacas tolas. A inmobilización derivada da existencia de animais infectados pola enfermidade da lingua azul provocará elevadas perdas económicas nas explotacións, que intensificarán aínda máis a xa difícil situación dos gandeiros galegos, que sofren en carne propia os efectos dos elevados prezos dos pensos, combustibles e fertilizantes, mentres os seus ingresos acusan os afectos da escasa cotización da carne e loite en orixe.

UNHA CRISE TRAS OUTRA

Ademais de incrementar o importe das indemnizacións, o PPdeG tamén reclama, para evitar inconvenientes e perdas innecesarias aos gandeiros, que os servizos veterinarios oficiais comecen xa a realizar, de oficio, analíticas a todos os animais vivos susceptibles de ser sometidos a un traslado en datas próximas. Evitaríase así, por exemplo, a inmobilización dos becerros que van ser vendidos a cebadeiros situados fóra de Galicia, e que non poderán abandonar a explotación mentres non dispoñan dun certificado que acredite que están libres do virus da lingua azul. O feito de que esas reses continúen nas granxas máis tempo do desexado provoca traballo e gastos adicionais aos gandeiros, xa que a alimentación supón un custe elevado.

A XUNTA CHEGA TARDE

Castro García lamentou que Consellería de Medio Rural teña chegado tarde para facer fronte ao avance da lingua azul en Galicia, onde xa se rexistraron oito explotacións con animais enfermos, na comarca da Mariña lucense, e atribuíu a propagación do axente infeccioso á ausencia dunha campaña de prevención axeitada por parte dos servizos de sanidade animal.

Recordou o deputado que o Grupo Parlamentario Popular de Galicia leva presentado, desde setembro de 2005, numerosas iniciativas relacionadas con esta enfermidade, e sempre recibiu, por parte do Goberno, respostas negativas en canto á posibilidade de que a doenza chegara a Galicia. Ademais, o PPdeG volveu dar a alarma cando xurdiron os primeiros casos en Cádiz e noutras provincias andaluzas, pero tamén en Castela e na Cornixa Cantábrica.

A pesar desas reiteradas advertencias, Medio Rural mantivo o que Castro García cualificou como “actitude irresponsable que impediu facer unha política preventiva fronte á enfermidade”. De feito, nas restantes Comunidades da Cornixa Cantábrica, a vacinación masiva de animais iniciouse moito antes ca en Galicia e, aínda así, rexístranse animais infectados.

O feito de que a vacinación se retrasara en Galicia ata o actual mes de setembro levou ao voceiro de Medio Rural do PPdeG a efectuar un prognóstico pesimista sobre o control da enfermidade. “Moitos animais morrerán en Galicia antes de que a vacina surta o efecto desexado”, adiantou.

Exit mobile version