A edil nacionalista asegura que “hai uns días que nos reunimos coa directiva e co adestrador do noso equipo de fútbol, a SD Burela para amosarlles o proxecto definitivo das obras e todos coincidimos na importancia que terá para a práctica do fútbol tanto por parte dos pequenos coma dos maiores, posto que supón poder contar con outro campo de herba ademais do que xa existe dentro do propio recinto da Marosa”. Neves Cando lembra que
O proxecto suporá unha actuación nos 7.153 metros cadrados cos que conta ese campo “trátase de dar maior funcionalidade e comodidade a xogadores e espectadores cun espazo máis amplo e mellor dotado. Faise unha redimensión do campo (hoxe de terra) para adaptalo ás medidas dun campo regulamentario e dótalo de herba sintética reposicionable e do equipamento básico para peche, banquiños, porterías… Con esta actuación conseguimos un campo de fútbol 11 ao longo e de dous campos de fútbol 7 ao ancho”, segue a explicar a concelleira de Deportes.
Investimento de 636.000 euros
O investimento total ascende a 636.339 euros dos que a Dirección Xeral para o Deporte aporta 561.275 e os 99.000 restantes ponos o Concello de Burela. Neves Cando recalca que “é unha aposta da delegación de Deportes para esta obra que suporá máis de 15 millóns das antigas pesetas o que amosa unha vez máis o noso compromiso co deporte de Burela”.
Despois da aprobación do convenio en pleno éntrase na fase de licitación e execución das obras que levará directamente a Consellería de Cultura de Deporte. O prazo de execución é de 6 meses polo que “cando comece a nova tempada no 2009 en Burela xa teremos unha nova infraestrutura deportiva con este campo de herba artificial da Marosa”.