BARREIROS .- O sábado celébrase en Barreiros a terceira ruta ecuestre San Esteban que organiza o grupo ecuestre San Esteban coa colaboración do Concello de Barreiros.
A xornada comezarán ás dez e media da mañá no Cascabeiro “fronte ao campo de fútbol de San Cosme. Alí teremos instalada unha carpa e despois realizaremos unha ruta a cabalo duns 18 quilómetros que nos levará ata o Mirador de Penabor e a Capela de San Esteban, entre outros lugares”, explica Ramón Becerra, voceiro da organización. O regreso á carpa está previsto para as dúas e media da tarde, hora á que dará comezo o xantar. Despois ás cinco da tarde comezarán as probas e os concursos “haberá carreira de cintas e carreira de velocidade en circuíto de terra e despois procederemos á entrega dos premios aos tres gañadores en cada unha das modalidades”, engade Becerra.
O grupo ecuestre San Esteban ten inscritos para participar nesta ruta do sábado 23 de agosto a 50 cabaleiros e no xantar daránse cita unhas 70 persoas.