Site icon Crónica3.com A Mariña

Responsables do PP queren que a Deputación faga un vial costeiro en Barreiros

BARREIROS .- Nun acto celebrado na “CP-0610”  representantes do PP lucense puxeron en dubida a actuación da Deputación e reivindicaron que se acometan obras para facer un vial costeiro en barreiros. O responsable provincial do grupo provincial do PP, Xosé Manuel Barreiro, pide que “os responsables da Deputación, principiando polo seu Presidente” diga “si se vai facer a obra ou non” a obra e afirmou que “ten xa adxudicado un tramo dende hai preto de ano e medio, que foi licitado en case 1,1 millóns de euros”.
Acompañaron a Xosé Manuel Barreiro, o alcalde de Barreiros Alfonso Fuente Parga; o voceiro popular en Ribadeo José Carlos Rodríguez Andina, os deputados provinciais pola Mariña José María González Barcia, José Manuel Yanes Ginzo e Guillermo Leal, o deputado autonómico José Manuel Balseiro e a senadora María del Carmen Gueimunde.

Nota de Prensa

BARREIRO ASEGURA QUE A DEPUTACIÓN NON PODE XUSTIFICAR A DEMORA NA CONSTRUCCIÓN DO VIAL LITORAL DE BARREIROS

* O voceiro do GPPP lembrou que un dos tramos desta estrada está adxudicado dende hai un ano e medio e que a tramitación dos outros está moi avanzada

* Alfonso Fuente considera que calquera modificación do actual trazado iría en contra da autonomía municipal

Barreiros, 8 de agosto de 2008.- O voceiro do GPPP, Xosé Manuel Barreiro, manifestou hoxe en Barreiros que a Deputación tenta xustificar o inxustificable cando fala de revisar o trazado do vial litoral neste concello. Un vial que, segundo salientou, permitiría solucionar os graves problemas de tráfico existentes na actualidade na zona e que contribuiría de xeito salientable a mellorar a comunicación coa praia das Catedrais.

Barreiro fixo esta valoración durante unha rolda de prensa celebrada na CP-0610 na que estivo acompañado polo alcalde de Barreiros Alfonso Fuente Parga; o voceiro popular en Ribadeo José Carlos Rodríguez Andina, os deputados provinciais pola Mariña José María González Barcia, José Manuel Yanes Ginzo e Guillermo Leal, o deputado autonómico José Manuel Balseiro e a senadora María del Carmen Gueimunde.

O voceiro do GPPP explicou de xeito detallado o punto no que se atopa o proxecto de contrucción do vial litoral. Así, segundo dixo, tén xa adxudicado un tramo dende hai preto de ano e medio, que foi licitado en case 1,1 millóns de euros. Os outros tramos contan con proxectos e pliegos de condicións aprobados e está aberto o expediente de licitación desde xuño do ano pasado.

En base a estes datos, o voceiro popular asegurou que “a Deputación manipula a realidade cando fala de que só había compromisos”. “O que tén que facer a Deputación”, engadiu, “é executar a obra adxudicada e continuar os procedementos administrativos no resto dos tramos sen máis dilación  e sen buscar escusas”.

Ó entender do voceiro do GPPP, a pretensión dos responsables da Deputación de xustificar a paralización da obra está fora de lugar. “Ademais chega tarde porque os alcaldes de Barreiros e Ribadeo e as propias corporacións locais no seu conxunto a través de acordos plenarios, solicitaron da Deputación que se fixese este vial e se arranxase o acceso á praia de As Catedrais”, indicou.

Barreiro insistiu e que “non é de recibo que se xustifique o retraso co anuncio dunha pretendida modificación do vial, na que ademais non se concreta nada nin se confirma a sua execución”.

“O que teñen que dicir os responsables da Deputación, principiando polo seu Presidente, é se se vai facer a obra ou non”, engadiu.

O voceiro popular lembrou as distintas iniciativas e propostas feitas polo seu grupo, e destacou que todas elas, ás que hai que engadir incluso a proposta realizada polo alcalde de Ribadeo recentemente, recibiron a negativa de Besteiro e eso, dixo, “pese a que despois presume de coñecer e admirar o litoral lucense”.

José Manuel Barreiro requeriu da Deputación “un compromiso serio con esta obra e con esta comarca porque é un investimento necesario e urxente nunha zona que é, ademais, un emblema turístico da provincia”.

A DEPUTACIÓN VENDE FUME.-

Pola súa banda, o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, manifestou que o cambio de trazado “é fume porque eso suporía a forzosa modificación das normas subsidiarias, co que a nova estrada demoraríase, cando menos, catro catro anos mais”.

Fuente Parga salientou que as expropiacions están en marcha, “tal e como se pode comprobar nun anuncio publicado na prensa do 6 de setembro do ano pasado”. Un feito que o levou a asegurar que “o proceder da Administración provincial é un ataque directo á autonomía municipal”, ó entender que a Deputación quere modificar o planeamento urbanístico do concello de Barreiros no que, puntualizou, “non tén competencia algunha”.

O rexidor de Barreiros tamén se referiu á sinalización das estradas da Deputación de acceso ás praias, todas cun límite de 20 Tm. Un tope que, segundo explicou, impide o subministro axeitado ás empresas de hostelería da zona, a meirande parte delas de carácter familiar, e dificulta a recollida do leite e o subministro ás explotacións agrogandeiras.

Fuente Parga manifestou que Martínez, o deputado delegado de Vías e Obras, “pechouse en banda e négase incluso a dialogar e chegar a un acordo neste asunto”.

ACCESOS Á PRAIA DAS CATEDRAIS.-

Pola súa banda voceiro do PP de Ribadeo, José Carlos Rodríguez Andina, solicitou que a Deputación non esqueza a Ribadeo, e que, ademais de facer o vial litoral aludido, “que tamén beneficia a Ribadeo”, acometa “dunha vez” as melloras que procedan no vial CP-0610, que dá acceso á praia de As Catedrais.

Tanto Fuente Parga coma Rodríguez Andina amosáronse esperanzados en que se produza “un cambio” na política da Deputación porque, segundo recalcaron, “estase a marxinar non só ós veciños de Barreiros e Ribadeo, senón a todos aqueles que se acercan a estes dous concellos e que contribúen a potenciar a economía da comarca”.

Os populares coincidiron en sinalar “o nulo compromiso que os deputados socialistas pola Marina Lara Méndez e Melchor Roel, así coma o nacionalista Antonio, Veiga teñen coa comarca” e lembraron que nos seus concellos din unha cousa e na Deputaciónm “ou calan ou din outra totalmente distinta”.

Exit mobile version