Site icon Crónica3.com A Mariña

Os orzamentos de Ribadeo incluirán propostas da oposición

RIBADEO .- O equipo de goberno no Concello de Ribadeo modificará os orzamentos de 2008 para incluír algunhas das propostas expostas pola oposición. A ese acordo chegaban na comisión informativa de economía e facenda que se celebraba onte pola tarde na Casa do Concello. O edil responsable de Economía, Vicente Castro, explica que “se fixo unha proposta aberta para estudo e análise por parte dos diferentes grupos. O PP declarou a súa intención de votar en contra dos orzamentos namentres non se modifiquen ou inclúan novas partidas con algunhas das súas propostas”. Castro engade que “tanto PSOE coma UPRI desvelarán si votarán a favor ou en contra no pleno dos orzamentos. Os socialistas de momento nin presentaron nin sabemos si van presentar propostas e UPRI comprometeuse a presentar xa no día de hoxe a súa proposta”.

O concelleiro de Economía de Ribadeo asegura que “despois estudaremos todo o que nos chegue xunto aos técnicos para presentar un novo orzamento e convocar a comisión de economía e facenda dentro duns días”.

Vicente Castro insiste en que “o orzamento é de vital importancia para Ribadeo debido á grande cantidade de inversión que hai comprometida con presupostos vinculados a outras administracións e que se poderían perder senón saen adiante. Estamos dispostos a estudar as propostas que nos cheguen, sempre dentro dun límite razoable xa que haberá partidas que non poidan ter cabida e outras que non se poden modificar”.

Os orzamentos de Ribadeo para 2008 rondan os 10 millóns de euros.

Exit mobile version