BURELA .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, amósase satisfeito polo remate das obras subvencionadas polo PRODER II e que supuxeron un desembolso de 110.000 euros. Llano asegura que “están a piques de concluir estes traballos que se realizaron cun certo retraso debido a un problema xurdido cos permisos de FEVE. Trátase das sendas peonís creadas no Cantiño e das dúas zonas axardinadas da Marosa e a Casilla que xa están efectuadas e tamén unha estrutura arquitectónica axardinada que se creou alí e que chama moito a atención”.
Llano considera que “así facemos que Burela sexa un pouco máis atractiva. Estas obras están xa certificadas e practicamente rematadas”.
Por outra banda, o alcalde de Burela, tilda de “acerto moi grande a iniciativa do SERGAS de repoñer toda esta zona que temos preto do Concello e que estaba adicada a estanque e que ultimamente tiña un aspecto lamentable. O que se tratou de realizar aquí foi modificar e mellorar ese lugar creando un xardín xaponés que tamén está a piques de ser rematado e que lle dará moito valor a esa praza. Teño que agradecerlle ao SERGAS esta boa iniciativa que tivo e quero engadir que entre todos estamos a construír este pobo que realmente se merece todo o que se lle vai dando”.