Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz pide a continuidade do asilo hasta que se faga a residencia

FOZ .- O grupo municipal do PP de Foz chama ao consenso para que Foz conte con unha nova residencia de maiores e, mentres,  non se perda a actual.  Os populares subliñan que Vicepresidencia da Xunta de Galicia “non respondeu debidamente á petición unánime feita polo pleno do concello de Foz” e piden que o concello de Foz faga “todo o posible para manter, mentres non exista outra institución, o noso Asilo”.

Nota de Prensa

O Partido Popular de Foz reclama a necesidade de ter en Foz unha Residencia de Anciáns moderna

A postura do Partido Popular de Foz neste tema é clara e prístina.

Queremos para Foz unha Residencia de anciáns ou Xeriátrico en condicións para os nosos maiores.

Hoxe en día temos en Foz un Asilo, que a pesar de contar con moitas comodidades, aínda non acadou todo o grao posible de confort para que os anciáns teñan a máxima atención, sobre todo física, ademais ninguén pode dubidar que o merecen.

Os responsables políticos debemos poñernos dacordo para conseguir prazas suficientes que garantan a calidade de vida dos nosos maiores. O Partido Popular de Foz non vai poñer ningún obstáculo para conseguilo. Con este tema non debe facerse política.

Actualmente o responsable da creación dunha Residencia-Centro de día é Vicepresidencia da Xunta de Galicia, que é responsabilidade do BNG, quen aínda non respondeu debidamente á petición unánime feita polo Pleno do Concello de Foz meses atrás, na que  se solicitaba para Foz unha Residencia de Anciáns, indicando incluso a cesión gratuíta de terreos.

O Concello, co Alcalde socialista á fronte, pola súa parte debe facer todo o posible para manter, mentres non exista outra institución, o noso Asilo, hai que recordar que en Foz lévanse 75 anos atenden ós nosos maiores (con ou sen recursos propios).

Polo tanto dende o Partido Popular de Foz recalcamos a necesidade de que as distintas Administracións, local e autonómica, se poñan dacordo para dotar a Foz dunha Residencia na que se poda atender ás nosos maiores coa máxima calidade e dignidade, porque ademais é claro que o merecen.

Sería un abandono moi grande por parte da Administración deixar a Foz sen un Xeriátrico moderno e acorde cos tempos nos que vivimos, simple e puramente por diferencias políticas.

Foz, 29 de agosto de 2008

GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR DE FOZ

Exit mobile version