BARREIROS. O BNG de Barreiros critica o retardo co que se aprobarán de novo os orzamentos que sempre se levaban a pleno, segundo explica Antonio Veiga, no mes de decembro do ano en curso. O edil nacionalista di que “en marzo recibimos un primeiro borrador e nós pensábamos que se someterían a debate e aprobación os presupostos de 2008 no mes de abril, pero en xuño presentáronnos outro borrador que non tiña nada que ver co anterior. Pero é que aínda hai máis sorpresas, xa que a quen lle corresponde elaborar eses orzamentos e o informe económico financeiro que xustifica esas contas que é o alcalde pois resulta que non o fai e pide que se encargue desa tarefa secretaría-intervención. Chama a atención que o alcalde curse esta petición por escrito e obtén resposta tamén por escrito na que se asegura que ese departamento non se pode encargar dese traballo porque ten que fiscalizar dito informe económico financeiro”.
Relacións laborais
A Antonio Veiga tamén lle chama a atención que “o grupo de goberno solicitase asesoramento a un gabinete xurídico externo ao Concello cando ten ese asesoramento a través da secretaría. No BNG non sabemos que pasa no Concello de Barreiros, non sabemos cales son as relacións entre a alcaldía e secretaría-intervención. Nós do que si estamos seguros porque levamos moitos anos dicíndoo é que non hai vontade de sacar adiante as contas con claridade e tempo e o que advertimos é prepotencia que sempre leva aparellada ineficacia por parte da alcaldía e da concellaría de economía e facenda. Por certo que para tan curta viaxe non facían falla unhas alforxas tan grandes”. Veiga Outeiro asegura que se lles vendeu aos veciños de Barreiros que <o concelleiro de economía ía ser o salvador das arcas municipais e creo que se está enfangando e metendo ao Concello nun follón sen saída, porque as contas volven estar sen elaborar a estas alturas do ano. Hai convocada unha comisión informativa para o 18 de agosto e toda a documentación que analizar parte dela aínda non a recibimos para poder elaborar o correspondente informe dos orzamentos”.
Interventor
O voceiro do BNG en Barreiros pídelle ao alcalde que “se poñas as pilas e cree a praza de interventor no Concello. Nós xa o dixemos hai dous anos cando o Consello de Contas fiscalizou as contas de Barreiros. A lei establece que poden contar con esa praza aqueles concellos que teñan máis de tres millóns de euros de orzamento ou máis de cinco mil habitantes, e as contas de Barreiros superarán os tres millóns de euros. No BNG pensamos que esa praza podería compartirse con outro Concello da zona coma Lourenzá ou Trabada”.
Antonio Veiga engade que “o que nos estraña é que o Concello sexa tan reacio á creación desta praza, pero claro todo o que sexa unha oposición libre onde poida participar todo o mundo iso non lles gusta aos do PP. O que lles gusta é que todo o persoal sexa contratado o dedo para que faga o que quere o alcalde. Eso non o pode facer coa praza de secretaría-intervención actual porque parece que é a única persoa que lles di ao alcalde e ao concelleiro de economía como teñen que facer as cousas”