Site icon Crónica3.com A Mariña

Fin de semana deportivo e gastronómico en Burela

BURELA .- Burela acollerá o vindeiro sábado por primeira vez unha proba do Campionato Galego de Moto Náutica na que se darán cita 24 participantes. Será na praia do Portelo que permanecerá pechadas aos bañistas por motivos de seguridade. A proba divídese en dúas modalidades: MAXI E JET SKY. Ás doce do mediodía arrancará a competición cos adestramentos oficiais e a disputa da sesión das clasificacións e xa a partires das cinco da tarde serán as sesións puntuables para o campionato das que sairán tres vencedores de cada modalidade. A edil de Mar, Remedios López Villar, aposta “para promocionar Burela cos actos deportivos e acuáticos. Con estes eventos tentamos achegar o mar aos cidadáns e turistas da zona”.

Tras a celebración da proba, ás oito da tarde está prevista no Concello de Burela unha entrega de premios e “despois agasallarémolos cunha degustación de polbo de roca de aquí na que estarán presentes todos os participantes e os responsables de que todo discorrese con normalidade: Protección Civil, Cruz Bermella, Garda Civil e Clube Náutico de Burela”, engade Remedios López Villar.

Xornadas gastronómicas

A concellaría de Mar organizou para arroupar este evento deportivo unhas xornadas gastronómicas do polbo de roca de Burela que se desenvolverán desde mañá venres e ata o domingo. Son doce os restaurantes participantes nos que se poderá degustar a ración de polbo ao prezo de 7,50 euros “estará cociñado á feira, con gambas, con ameixas, allado…. Cada un ten a súa especialidade”, explica Remedios López. A edil de Mar lembra que “o polbo é un cefalópodo que pescan os barcos de baixura do noso pobo e que se vende polas tardes no peirao. Nós recomendámoslles que visiten o porto, o barco museo e a lonxa para poder presenciar unha subasta deste produto insitu”.

Exit mobile version