Site icon Crónica3.com A Mariña

Cultura confirma que hai tres petroglifos no castro da Atalaia en San Cibrao

SAN CIBRAO / CERVO .- Un arqueólogo enviado a San Cibrao pola Consellería de Cultura para inspeccionar os gravados descubertos no castro da Atalaia confirmou que ” existen alomenos 3 petroglifos, un deles moi deteriorado xa que se ten feito lume enriba da pedra”.
A entidade Mariña Patrimonio, promotora de esta iniciativa, “considera que o descubrimento destes gravados rupestres é importantísimo para a nosa comarca pois serían as primeiras mostras de arte rupestre na zona”

Nota de Prensa

UN ARQUEÓLOGO ENVIADO POR CULTURA CONFIRMA O ACHÁDEGO DE TRES PETROGLIFOS NO CASTRO DA ATALAIA DE SAN CIBRAO

No día de hoxe un arqueólogo, enviado pola Delegación Provincial da Consellería de Cultura, acompañado por Manuel Miranda membro da nosa Asociación, visitou o Castro da Atalaia de San Cibrao para inspeccionar os achádegos de gravados rupestres sobre os que Mariñapatrimonio informou o pasado mércores.

O arqueólogo confirmou que, sen dúbida, existen alomenos 3 petroglifos, un deles moi deteriorado xa que se ten feito lume enriba da pedra. Este técnico da Consellería de Cultura e Deporte terá agora que emitir un informe sobre estes gravados e cando isto sexa confirmado oficialmente os lugares onde se atopan estes petroglifos pasarán a ser considerados BIC ( Ben de Interese Cultural ) e ficarán, portanto protexidos.

Mariñapatrimonio considera que o descubrimento destes gravados rupestres é importantísimo para a nosa comarca pois, como xa se dixo, serían as primeiras mostras de arte rupestre na zona. A existencia de pretroglifos no Castro da Atalaia contribue a pór en valor este lugar tan destragado pola especulación urbanística que estamos a soportar.

Mariñapatrimonio fai un chamamento para que veciños e visitantes respecten esta zona e para que a Administración—Concello e Xunta de Galiza—paralicen dunha vez por todas a desfeita do Castro.

A confirmación da existencia destas mostras de arte rupestre é unha moi boa noticia para todos e anímanos a seguir traballando na defensa e divulgación do noso rico patrimonio.

San Cibrao, 8 de agosto de 2008.

Asdo.-Francisco Luís Rodríguez Guerreiro

PRESIDENTE

Exit mobile version