BURELA .- O sábado 23 de agosto comenza en Burela o I Curso de Música de Cámara de Orquestra, que organiza a Concellaría de Educación. O evento que se prolongará ata o 27 está dirixido por Xan Carballal, o director da Escola Municipal de Música de Burela e contará con profesores de recoñecido prestixio coma Saúl Canosa (profesor superior de clarinete), Benjamín Iglesias (profesor superior de trompa), Manuel Gayol (profesor de violín), Olaia Canoura (profesora superior de violín) e Anxo Leitao (profesor superior de contrabaixo).
A edil de Educación, Lucía Bouza, explica que “despois do seminario de jazz que tivemos hai unhas semanas agora organizamos éste que por primeira vez se vai celebrar en Burela, porque nos parecen moi importantes as ensinanzas orquestrais e porque cremos que as ensinanzas regradas carecen un pouco deste tipo de formación, xa que os alumnos reciben uns coñecementos máis individualizados. Entón os rapaces que participen no curso terán a oportunidade de tocar en conxunto en grupos de cámara que estarán adaptados aos niveis dos participantes”.
Bouza agarda “unha grande participación neste curso debido ao asentamento que a música clásica ten na comarca da Mariña grazas a labor realizada nas escolas de música, nos conservatorios profesionais e sobor de todo grazas ao traballo que ven facendo desde hai anos a Orquestra de Cámara de Xove”.
Ao igual que aconteceu co seminario de jazz, neste curso vánse celebrar tres concertos que serán ás oito da tarde na Casa da Cultura: o domingo 24, o martes 26 e o mércores 27. Éste último será o que ofrecerán conxuntamente alumnos e profesores.