Nota de Prensa
O VOCEIRO DO BNG NO CONCELLO TILDA DE INOPORTUNA A RECLAMACIÓN DE MÁIS DE 12.000 EUROS PRESENTADA POLO EX ALCALDE DE RIBADEO POLOS DOUS MESES QUE LLE FOI RETIRADO O SALARIO NA SÚA ETAPA COMA REXEDOR.
Ribadeo, 23 de xullo de 2008. O voceiro do BNG, Vicente Castro, asegura que <serán os servizos xurídicos do Concello de Ribadeo os que teñan que resolver esa reclamación presentada por Balbino Pérez Vacas>. Castro di que ao seu grupo lle sorprende <que se lle ocurra facer unha reclamación deste tipo. Temos que lembrar que naquel pleno de abril de 2007 retiróuse a dedicación exclusiva do alcalde naquel momento, Balbino Pérez Vacas, e do tenente de alcalde, Fernando Suárez. O tenente de alcalde incorporóuse, como era a súa obriga, ao seu posto de traballo no Concello de Vegadeo e entendemos que Balbino Pérez Vacas puido facer o mesmo e solicitar a reincorporación ao seu anterior posto de traballo. Non o fixo e é unha opción na que non entramos>.
O voceiro nacionalista tilda de inoportuna esta reclamación <e parece que está máis destinada a sangrar ás arcas municipais xa de por sí bastante doidas. Entendemos que o órgano que tomou a decisión naquel momento de retirar eses salarios é dicir o pleno do Concello será o que teña que voltar a pronunciarse sobre este tema que está en mans dos servizos xurídicos municipais>.