RIBADEO.- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, tildou de “experiencia moi boa, satisfactoria e moi enriquecedora esta explicación, esta dación de contas do primeiro ano de goberno á fronte do Concello”. O rexedor engade que “quizáis non houbo moita xente, unhas 20 persoas, pero durante dúas horas: unha e pico de exposición e o resto de coloquio falamos de moitas cousas. Eu creo que todos os Concellos deberían de facer este tipo de iniciativas un pouco para render contas do traballo realizado ao longo do ano”.
Suárez Barcia di que “no caso do Concello de Ribadeo non só se debe valorar o traballo do equipo de goberno senón tamén o do resto dos grupos políticos da Corporación que teñen un peso específico e moi importante como se viu por exemplo na aprobación inicial do PXOM ou en aspectos que requiren de maiorías cualificadas ou absolutas. Hai que valorar que os diferentes grupos da Corporación, uns máis que outros, participen no goberno a través da xunta municipal de goberno”.
O alcalde destacou na súa exposición diante dos veciños “o esforzo feito este ano para desbloquear un tema tan enorme coma o da subestación eléctrica que permitirá desbloquear tamén o polígono industrial. Falamos do que se fixo e do que se fará en materia de obra pública, ou de asuntos de importancia no ámbito dos Servizos Sociais, coma o Xantar sobre rodas ou a posta en marcha dun centro de día para enfermos de alzheimer”.
Fernando Suárez considera que “hai un montón de obxectivos que se están cumprindo e outros que están por cumprir e logo tamén fixemos autocrítica, porque ninguén é perfecto e ninguén fai todas as cousas ben. Hai cousas que deberían ir máis rápido coma é o caso do convenio colectivo dos traballadores do Concello de Ribadeo, pero ainda non podemos efectuar unha negociación que agardamos poder iniciar e que en breve poida saír adiante”.