Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo polemiza con ADEGA e LUGO PATRIMONIO polo castro da Atalaia

CERVO.- O PP de Cervo remitiu unha nota na que acusa aos membros de ADEGA e LUGO PATRIMONIO de encudarse nas súas asociación para “xogar a facer política Barriobaixeira”, lembrándolles que o concello informou da posible presenza dun castro na zona da Atalaia no ano 2005 e que Patrimonio foi quen autorizou a construción nesa zona.

NOTA DE PRENSA.

Os populares lémbranlle unha vez máis a estes colectivos que o Concello informou da posible presenza dun castro na zona da Atalaia no ano 2005 “e Patrimonio foi o que finalmente autorizou a construción nesta zona”

O PP DE CERVO ACUSA AOS MEMBROS DE ADEGA E LUGO PATRIMONIO DE ESCONDERSE TRALAS SÚAS ASOCIACIÓNS PARA “XOGAR A FACER POLÍTICA BARRIOBAIXEIRA”

Cervo, 29 de xullo de 2008.- O Partido Popular de Cervo quere saír ao paso das criticas verquidas polos responsables dos colectivos Adega, Lugo Patrimonio feitas hoxe na capital da provincia en relación ás licencias concedidas para a construción dunhas vivendas na zona da Atalaia de San Ciprián.

Para a formación popular cervense, o anuncio destes colectivos de presentar un recurso de revisión das licencias urbanísticas dadas polo Concello na área no que presuntamente se atopa un xacemento arqueolóxico non é máis ca mostra de que estas tres asociacións “están formadas por personaxes que se dedican a facer política barriobaixeira escondidos tralas siglas das súas respectivas asociacións có único obxectivo de tentar dinamitar e atacar ao goberno local”.

Segundo os populares de Cervo, con este tipo de actos os dous colectivos fan de “correa de transmisión” das consignas que lles veñen impostas dende a Consellería de Cultura e do Bloque “para tentar eludir a responsabilidade que ten Patrimonio e a Consellería de Cultura en todo este sinsentido”.

Nese senso os representantes do PP en Cervo aseguraron que o Concello foi a única administración que actuou con responsabilidade en todo este tema e lembraron que a Consellería de Cultura é a única con competencias na materia “e con técnicos capacitados” para preservar e prohibir a edificación a zona; “e sen embargo foi precisamente Cultura quen permitiu o levantamento dos permisos para que se continuaran as obras” aseguraron. Tamén recordaron que as licencias foron concedidas polo Concello aplicando a fórmula de edificabilidade máis restritiva; e que os permisos foron revisados por Patrimonio e Urbanismo “e ningunha das dúas administracións puxeron ningún tipo de problema ao respecto”.

Ademais, os populares cualifican de falsas as acusacións contra do Concello por non informar de que na zona existían restos arqueolóxicos. “O propio concello comunicoullo a Xunta no ano 2005 e así o recoñeceron os técnicos de Patrimonio nun informe emitido nunha das súas visitas á zona” aseguran.

Para os populares, a cerrazón das criticas destes colectivos contra do Concello amosa “ben ás claras” que o único que perseguen é danar ao equipo de Goberno local a calquera prezo “ao tempo que tentan por todos os medios eximir de responsabilidade á única administración que ten toda a culpa do que está a acontecer”, en clara referencia á Xunta e á Consellería de Cultura. Na súa opinión, as asociacións ecoloxistas céntranse agora “nun feito puramente formal e de pouco peso”, que en modo algún variaría o problema fundamental: a construción dun edificio nunha zona onde presuntamente hai restos de interese arqueolóxico. “Con estudo de detalle, ou sen el, o certo é que a día de hoxe a finca estaría liberada para construír nela; e polo tanto, con estudo ou non o castro está a correr perigo” sinalaron.

Exit mobile version