Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG esixirá responsabilidades de confirmase a ilegalidade das licenzas da Atalaia

CERVO.- O BNG de Cervo di que “Elevaremos as denuncias contra a Xunta de Goberno por incumprimento da Lei de Protección do Patrimonio e de urbanismo ate onde sexa preciso”, xa que “o Castro da Atalaia é un ben de extraordinario valor tanto cultural como turístico que o PP nin quixo nin quere ver”

NOTA DE PRENSA.

O BNG NON DUBIDARÁ EN ESIXIR RESPONSABILIDADES POLÍTICAS DE CONFIRMARSE A ILEGALIDADE DAS LICENZAS DA ATALAIA.

Elevaremos as denuncias contra a Xunta de Goberno por incumprimento da Lei de Protección do Patrimonio e de urbanismo ate onde sexa preciso.

O Castro da Atalaia é un ben de extraordinario valor tanto cultural como turístico que o PP nin quixo nin quere ver.

O Consello Local do BNG advertiulle ao Parlamentario e Tte. Alcalde de Cervo, Sr. Balseiro, que a lexitimidade hai que gañala e non vociferala; no caso do Sr. Balseiro e a Xunta de Goberno Local que prescindindo da legalidade concederon tres licenzas de construcción na Atalaia tendo pleno coñecemento da existencia dun xacemento arqueolóxico e ao marxe da legalidade urbanística, perdérona por completo.

O Sr. Balseiro e o resto das Xunta de Goberno coñecían dende o ano 2005 un informe de Moenia Arqueoloxía para o Plan Xeral e dende agosto do 2006, 3 meses antes da concesión da primeira licenza, púxose ao descuberto o Cuncheiro do castro coas obras de cimentación que o propio concello realizaba para o observatorio de aves que foron paralizadas e emitíronse os correspondentes informes arqueolóxicos que verificaron a súa asociación a un poboamento galaico-romano dos séculos I e III.

O goberno municipal que contaba con esta documentación, nin recoñecía oficialmente a existencia do xacemento, nin atendeu as obrigas que lle corresponden como administración local na protección do Patrimonio Cultural de Galiza que lle esixen tanto a Lei estatal de patrimonio, como a Galega, como a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local, outorgando as tres licenzas a finais do 2006 e abril de 2007 e incumprindo unha orde de paralización de Patrimonio en xuño do mesmo ano, o que provocou a desfeita nunha das parcelas de todo o xacemento, feito que foi denunciado diante da Fiscalía de Lugo.

Tampouco cumpriu coa lexislación o Sr. Balseiro e os seus compañeiros de viaxe cando ao marxe da legalidade urbanística municipal concedeu as tres licenzas sen esixir ao promotor o preceptivo Estudo de Detalle que esixe a normativa no solo onde se concederon, de feito en xuño e outubro de 2005 foron presentados e denegados sendos Estudos de Detalle para a mesma zona. ¿Porqué no 2005 si se esixiron, e no 2006 e 2007 non?

O Sr. Balseiro e a Xunta de Goberno non teñen lexitimidade para falar de protección do patrimonio porqué a eludiron con reiteración, mentiron acusando ao BNG de inventarse un castro inexistente e agora esas mentiras, diante da evidencia, póñense de manifesto mostrando unha caste de gobernantes indignos de estar nos seus postos; o Castro da Atalaia existe aínda que ao Sr. Balseiro non lle guste.

Exit mobile version