Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG en contra do recoñecemento extraxudicial de créditos

BARREIROS.-O BNG votou en contra do recoñecemento extraxudicial de créditos no pleno celebrado onte pola tarde en Barreiros. Antonio Veiga asegura que “se trata dun procemento excepcional coma a propia lei indica, ainda que agora se está a converter en algo habitual en Barreiros”. O voceiro nacionalista asegura que “non nos parece normal esta situación e así o fixemos constar. O que se pretende é pagar facturas que quedaron sen pagar por falla da debida consignación presupostaria xa nos orzamentos de 2007. Algo que nos choca moito porque facendo os orzamentos coma os fai o Concello de Barreiros a exercizo pasado co ano vencido, pois difícilmente é creíble que non tiveron previstos eses gastos, ousexa que nin siquera poden facer cadrar as contas”.

Antonio Veiga considera que “a aprobación dun gasto dunha factura é tremendamente sinxelo, así o informou a secretaria-interventora en todos os reparos que fixo a todas estas facturas que se pretendían meter desde a alcaldía e desde a Concellaría de Economía sen a correspondente aprobación do gasto. O primeiro que hai que facer é aprobar o gasto e despois incorporar todas esas facturas. A nós extráñanos moito e danos moito que pensar…. Non sei si é que alcalde e concelleiro de Economía queren escapar da fiscalización preceptiva que ten que facer a interventora”. Veiga Outeiro non entende “como non hai un informe previo para que se aprobe ese gasto e logo se lle incorporen as facturas. Unha vez máis o Concello de Barreiros segue caendo en irregularidades porque esto non é unha forma regular de levar a contabilidade municipal e ollo que nós non estamos cargando tintas contra os funcionarios e a interventora porque esto é unha decisión política e será o delegado de área e o alcalde os que terán que facer ese informe para aprobar ese gasto. Nós seguimos pensando que o alcalde e o concelleiro de economía queren ir por libre nos gastos que fan e logo pasa o que pasa e non hai o informe favorable e hai o conseguinte reparo por parte de intervención”. O voceiro do BNG de Barreiros explica que “nós votamos en contra dese recoñecemento porque é algo que se repite e no que non pode caer o Concello de Barreiros”.

No pleno de onte foron aprobadas por unanimidade as dúas mocións presentadas polo BNG, unha de urxencia para a instalación dun pantalán na zona da Anguieira e outra para a reparación do cruceiro de Viladaide.

Exit mobile version