CERVO.- O grupo municipal do BNG presenta no concello unha de solicitude para revisión do acordo da Xunta de Goberno Municipal de 2 de maio polo que se concede licenza de edificación para 60 vivendas nunha parcela situada entre as Rúas Os Baos, Galiñeira e Bellavista en San Cibrao. Indican que “o recurso asinado tamén por veciños da zona ven motivado polo incumprimento de artigos das Normas Subsidiarias de Planeamento de Cervo o que situaría esta promoción na inseguridade xurídica afectando tanto a promotor como a futuros compradores e veciños da zona”.
NOTA DE PRENSA REMITIDA:
O GOBERNO MUNICIPAL SEGUE XOGANDO CON LUME NA XESTION DO URBANISMO EN CERVO.
No mes de maio a Xunta de Goberno concedeu licenzas de edificación para 110 vivendas en solo cualificado como Residencial Mixta sen o Estudo de Detalle preceptivo que esixen as Normas Subsidiarias de Planeamento.
A concesión desas licenzas nestas circunstancias sitúa na inseguridade xurídica tanto a promotores como a futuros compradores.
As Normas Subsidiarias de Planeamento que rexen o urbanismo en Cervo dende 1978 determinan no artigo 4.3.4 o Estudo de Detalle como instrumento para a ordenación en Residencial Aberta ou Pechada en solos con ordenación Residencial Mixta.
O pasado 2 de maio a Xunta de Goberno Local concedía licenza de construcción para 110 vivendas en tres promocións, en tódolos casos en solos con Ordenanza RM Residencial Mixta, sen esixir aos promotores o Estudo de Detalle preceptivo para a cualificación en Residencial Pechada ou Aberta, como discrecionalmente se decidiu neste caso ao marxe da normativa e situando estas promocións na inseguridade xurídica.
Sentencia de 8 de abril de 2008 do Tribunal Supremo (Caso Lodeiro)
A sentencia do Tribunal Supremo de 8 de abril de 2008 daba aprobación a outra do TSXG no que se anulaban dúas licenzas de construcción e ordenaba a demolición de varios edificios no Concello de Viveiro ao non atender este último a reclamación dun particular contra acordos da Comisión de Goberno do concello de Viveiro que outorgaban tales licenzas en solo considerado nas NSP como Residencial Mixta sen aprobar o preceptivo Estudo de Detalle.
A continuación dun perigoso camiño de inseguridade xurídica
O goberno municipal de Cervo segue transitando por camiños de dubidosa legalidade en todo o que ten relación coa xestión urbanística e non pode seguir amparándose en informes técnicos que unha e outra vez cando menos semellan imprudentes e poñen en cuestión a seriedade da administración pública cervense ademais de provocar serios problemas ao conxunto dos veciños e veciñas de Cervo. A concesión de licenzas de dubidosa legalidade provocan inseguridade xurídica e non só poñen en perigo a inversión de promotores privados e futuros compradores senón tamén ao propio concello que podería ter que indemnizar no caso de producirse a súa anulación por ser contrarias a dereito.
Reclamamos a axilización dos Trámites do Plan Xeral.
O BNG segue a reclamar a axilización dos trámites para a redacción do PXOM que o Partido Popular no goberno municipal tivo paralizado durante anos após a presentación pública do avance no ano 2004. Agora o concello conta cunha nova axuda de Política Territorial para a elaboración do PXOM por importe de 80.000 euros na que segundo o cronograma disposto este debería estar aprobado definitivamente no ano 2012, aínda que o concello debería adiantar os prazos tendo en conta o retraso acumulado e así o reclamamos dende o BNG tendo en conta a caducidade das NSP e os continuos problemas que xeneran.
Iniciativa do BNG e un grupo de veciños.
O BNG e un grupo de veciños da zona presentará solicitude de revisión dunha delas para a construción de 60 vivendas, na Rúa Bellavista, Rúa Os Baos que consideramos contraria ao ordenamento urbanístico vixente ao non aplicarse o Art. 4.3.4 das N.S.P. sobre o preceptivo e inexistente Estudo de Detalle en solos cualificados como Residencial Mixta. Ademais a Rúa os Baos, inexistente nas Normas Subsidiarias, non fará posíbel a Acta de Replanteo a non ser que o Técnico Municipal a efectúe ao marxe da legalidade, xa que o paso previo de incluír esa rúa nas N.S.P. non se produciu. Hai que lembrar que no ano 2005 o goberno municipal aprobou provisionalmente neste mesmo quinteiro un Estudo de Detalle que foi anulado no período de alegacións por recursos promovidos polo BNG e os veciños ao deixar fora de ordenación as súas vivendas, na maior parte unifamiliares sen terlles comunicado a aprobación dese instrumento urbanístico tal como establece o Art. 86.2 da LOUGA. Non se entende agora como no 2005 era preciso a aprobación dun Estudo de Detalle e no 2008 non.
A concesión de licenzas de construción é un acto regrado no que a administración unicamente ten que verificar que o proxecto de execución está conforme á legalidade urbanística existente. Neste caso entendemos que se conculca a legalidade ao non cumprirse no proxecto as esixencias das N.S.P. e por tanto de non modificarse de oficio estarían situando esta promoción nunha inseguridade xurídica con graves consecuencias futuras tanto para promotores como para futuros compradores. A sentencia de Lodeiro emitida en primeira instancia polo TSXG e despois polo Tribunal Supremo debería facer reflexionar tanto ao técnico municipal de Cervo como á Xunta de Goberno Local que lonxe de tela en conta, actúan reiterando erros anteriores un mes despois de coñecerse as consecuencias.
En base ás argumentacións xurídicas correspondentes o Grupo Municipal do BNG estuda presentar unha solicitude de revisión dunha primeira licenza para 60 vivendas na Rúa Bellavista, Rúa Os Baos e a declaración de oficio de nulidade do acordo da Xunta de Goberno Local de 2 de maio de 2008 a fin de obter as máximas garantías de legalidade evitando a inseguridade xurídica desta promoción. Ademais esiximos ao goberno municipal o cumprimento da legalidade das outras dúas aprobadas na mesma Xunta de Goberno Local.
Cervo, 10 de xullo de 2008.
Asdo.: Xoán Antonio Estúa García.
Concelleiro-portavoz do BNG.