Site icon Crónica3.com A Mariña

Aparcadoiros en Rinlo e as Catedrais para acoller os turistas

RIBADEO.- O Concello de Ribadeo crea aparcadoiros en Rinlo, As Illas e As Catedrais para acoller aos centos de turistas que se achegan ao municipio nesta época estival. Segundo o edil de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, “estamos xa a traballar en Rinlo para crear aparcadoiros agora que se achega a celebración da festa do percebe e debido á afluencia de turistas que recibe este pobo durante o verán”. O concelleiro nacionalista lembra que “hai uns días que recibimos a autorización correspondente da Xunta para poder actuar na Rede Natura, aínda que había seis meses que a tiñamos pedida”.

No caso de Rinlo un dos aparcadoiros crearase de xeito inmediato <xa que se trata dunha masa común>, explica Horacio Cupeiro que engade que “nas Catedrais temos a oferta dun veciño enriba da mesa que nos propón un terreo de 4.000 metros cadrados. Imos contactar con el para ver si é posible chegar a un acordo. Antes tivemos outra oferta que nos pedía moitos cartos e tivemos que desbotala porque nós temos que velar polos intereses do Concello”. Horacio Cupeiro considera tamén que nas Illas se creará en breve unha zona de aparcamento para acoller a medio cento de coches. Será nunha masa común, namentres que na praia dos Castros “ademais dos aparcadoiros que xa hai temos a varios veciños dispostos a cedernos algún prado de xeito gratuíto”.

O Concello de Ribadeo agarda deste xeito solventar os problemas de tráfico que se presentan nestes puntos durante o verán, debido aos centos e nalgúns casos coma o das Catedraias, aos miles de visitantes que se achegan a esta zona.

Exit mobile version