A xunta de goberno ribadense remitiu un escrito ó ente Demarcación de Carreteras de Galiza, do Ministerio de Fomento, solicitando que “con carácter inmediato se acheguen a Ribadeo o enxeñeiro director da obra e o persoal técnico dese departamento para ver xunto cos técnicos municipais todas as deficiencias detectadas e que non foron arranxadas a pesares de solicitalo en varias ocasións, incluso cando eu era tenente de alcalde e concelleiro de obras, na anterior Corporación Municipal”.
Fernando Suarez indicou que entre as deficiencias hai “cuestións menores coma a falla de paneis informativos, pero tamén problemas importantes coma o que sofre o saneamento en Vilaselán. Hai tuberías da auga que quedaron cortadas e a día de hoxe aínda non estan operativas; hai unha mala execución de arquetas que cando chove moito rebosan por fora e ao mesmo tempo hai unha serie de gavias e de cunetas tamén mal executadas que cando chove reverquen e obstrúen os camiños municipais”.