Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo pon en marcha o servizo de comida a domicilio para maiores dependentes

O Concello de Ribadeo abre o prazo de inscripción para que os maiores dependentes poidan contar cun servizo de comida a domicilio nos seus fogares. Trátase do denominado Xantar sobre rodas que tivo moito éxito cando se desenvolveu durante un mes coma experiencia piloto. O rexedor, Fernando Suárez, lembra que naquel momento “foron 17 os beneficiarios que foron atendidos grazas a unha aportación realizada pola Vicepresidencia da Xunta. Agora despois da aprobación da ordenanza reguladora e despois da consecuente burocracia queremos poñer en marcha este servizo de xeito ininterrumpido”. Os interesados poden formalizar as súas solicitudes dirixíndose aos Servizos Sociais municipais no Auditorio Hernán Naval. Suárez di que “o Xantar sobre rodas funcionará do mesmo xeito que o experimental que tan boa acollida tivo entre os usuarios directos e entre os seus familiares”.

Microondas para quentar a comida

Haberá dous tipos de beneficiarios “aquelas persoas que contarán con prazas subvencionadas, xa que a administración cubrirá unha parte do custe do servizo en función das súas rendas, e aquelas outras que superando as rendas esixidas que queiran asumir o 100% do custe estimado en 7 euros menú e día”, engade o alcalde de Ribadeo. Fernando Suárez asegura que “os menús comprenderán todo tipo de dietas tanto baixas en hipocalóricos, coma as preparadas para persoas que sofren diabete…..Ademáis aos usuarios que non conten con él váiselles facilitar un microondas para que poidan quentar a comida. Tamén se van facer revisións e tarefas de mantemento dos frigoríficos, control de temperaturas, recollida de restos de comida, etc, etc… por parte da empresa que levará o servizo>”

Segundo os datos que manexa o departamento de Servizos Sociais do Concello hai unhas 50 persoas interesadas en contar con este servizo de comida a domicilio “xa non tanto pola cuestión económica, senón por facilitar unha dieta axeitada a esa xente maior que se sinte capacitada para vivir soa, pero que si lles ofrecen este servizo xa se poden despreocupar do ter que facer de comer e poden continuar na súa vivenda sen ter que desprazarse a unha residencia ou a un centro de día”, segue a relatar o alcalde, que anima “aos interesados e ás súas familias a inscribirse canto antes no Auditorio Municipal, onde están ubicados os Servizos Sociais Municipais”.

Exit mobile version