Por Emilio González Legaspi
Cando as miñas fillas ían ao parvulario, cantaban unha canción, con letra de Gloria Fuertes, que dicia algo así como “había una vez un lobito bueno al que maltrataban todos los corderos, había también unha bruja hermosa y un pirata honrado… Todas estas cosas había un vez, cuando yo soñaba un mundo al revés”. Semellaba unha utopía infantil e mira por onde era un agoiro de como ía evolucionar o mundo.
Naquel tempo as manifestacións facíanas os partidos de esquerdas para pedir liberdade e dereitos para a maioría da poboación que acababa de saír dun réxime dictatorial e militar. Agora os que máis se pasean polas rúas con pancartas son os bispos católicos, os militantes de dereitas e os nostálxicos da ditadura, cando eles vivían mellor a conta do silencio e do medo.
Naqueles tempos os obreiros das zonas industriais facían folgas reclamando mellores condicións de traballo e un salario digno para poder facer frontes a carestía da vida e unha inflación galopante, que nalgúns intres chegou ser de máis do vinte por centro. Agora son os patronos das empresas pesqueiras e do transporte os que esixen subvencións para seguir mantendo o status de coches de luxo, pazos e vida de novos ricos. Son os mesmos que impiden que os seus obreiros se sindiquen, os que explotan man de obra importada, mentres esixen que non se importe peixe para convertérense en monopolio das mercadorías do mar. Son os que montaron a empresa con cartos de todos, sacaron beneficios, gozaron a conta dos demais e agora pretenden que se lles siga pagando as perdas dunha xestión empresarial medieval, que nin sequera se acolle ás leis laborais máis elementais. Débese saber que nestas empresas os traballadores non teñen salario mínimo, senón que depende do que pesquen e antes de facer o reparto das ganancias o armador desconta a “monte maior” todos os gastos da produción, incluído, nalgúns casos, a seguridade social. Do que queda os mariñeiros reparten o 40% entre eles e tamén se inclúe unha parte o armador. Hai máis cousas que todo o mundo sabe, pero que ninguén di por aquilo da lei do silencio.
Agora compételle ao goberno desenmascarar tanta hipocrisía, aplicar as leis do mercado que os patronos tanto defenden cando hai ganancias e protexer os dereitos da maioría dos cidadáns, facendo cumprir as leis e os servizos mínimos que sempre se esixen a outros sectores cando se poñen en paro.