A asociación de veciños O Castro de Foz propón que os baños publico dos paseos marítimos estean dispoñibles e teñan un horario apertura.
O Castro pide “a rápida solución desta situación, xa que produce unha gran incomodidade” e recorda que “na zona que vai desde o final da praia da Rapadoira en diante ó longo de todo o paseo marítimo” nin sequera existe esa posibilidade.
Comunicado
A Asociación de Veciños “O Castro” de Foz amosa a súa alegría polas bandeiras azuis conseguidas e reclama baños públicos en funcionamento no porto, na Ribeira e no paseo marítimo dispoñibles todo o ano
A Asociación de Veciños “O Castro” de Foz traslada ó Concello a súa máis sincera noraboa polas cinco bandeiras azuis conseguidas para as nosas praias. Esta felicitación vai dirixida ó Concello non só como órgano de goberno senón tamén como conxunto da cidadanía, xa que sen o traballo de todos non tería sido posible revalidar un ano máis a gran calidade dos nosos areais. Pero non todo é alegría, xa que a Asociación lamenta a perda do galardón na praia a Pampillosa de Fazouro e anima a todos os habitantes e visitantes do pobo así como ós seus gobernantes a unir esforzos de cara o ano que vén para poder lucir esta enseña en máis praias.
En relación coas praias e os paseos marítimos de Foz, a Asociación de Veciños “O Castro” de Foz quere poñer de manifesto a situación que se produce ó longo de toda a costa pola ausencia de baños públicos ben porque estes se atopan pechados e unicamente se abren durante a época estival e algún que outro fin de semana (é o caso dos que se atopan ó longo do paseo marítimo entre a Rapadoira e Llas) ou ben porque son de todo inexistentes (o que ocorre na zona do porto pesqueiro e na zona da Ribeira). Desde a Asociación solicitamos a rápida solución desta situación, xa que produce unha gran incomodidade para as persoas que desexan disfrutar de tan agradables paseos pois vense obrigados a facer gasto nalgún dos locais de hostalería existentes para satisfacer as súas necesidades fisiolóxicas, pero isto no mellor dos casos, xa que na zona que vai desde o final da praia da Rapadoira en diante ó longo de todo o paseo marítimo nin sequera existe esa posibilidade. Desde a Asociación proponse que os baños públicos do paseo marítimo teñan un horario de apertura (comprendemos que non poden nin deben estar abertos as vintecatro horas e que se necesita alguén que vixíe) e que se busque unha solución para a zona do porto e A Ribeira.