Os dous camións son formigoneiras e atopanse na rúa Galiñeira e na Avenida de Asturias
Nota de prensa integra:
O BNG SOLICITA POR SEGUNDA VEZ AO GOBERNO MUNICIPAL A RETIRADA DE DOUS CAMIONS ABANDONADOS EN SAN CIBRAO.
O Tribunal do traballo de Viana do Castelo concedeu permiso ao concello para a súa retirada da rúa o pasado 23 de abril.
O pasado 23 de abril recibíase no rexistro xeral do concello de Cervo escrito do Tribunal do Trabalho de Viana do Castelo no que se facía constar a localización dos responsábeis de dous camións formigoneira abandonados en dúas rúas de San Cibrao dende fai anos, aclarando que contaban con permisos para traslado a territorio portugués e os seus propietarios procederían á súa retirada na maior brevidade posíbel, mentres tanto o concello podía resolver a súa retirada a depósitos municipais.
Estes dous camións formigoneira levan varios anos abandonados por unha empresa de nacionalidade portuguesa que estivo sometida a un proceso xudicial nos tribunais do social de Viana do Castelo que xa emitiron sentenza e permiso ao goberno municipal para a súa retirada das rúas Galiñeira e Avda. de Asturias de San Cibrao. A finais do pasado ano un deles foi incendiado atopándose nun estado ruinoso e con perigo para os viandantes.
Dous meses despois da notificación do xulgado de Viana do Castelo estes vehículos aínda non foron retirados polos seus propietarios, polo que o BNG solicitou novamente ao concello que cumpra coa súa responsabilidades e exerza as súas competencias en protección civil retirando da vía pública estes camións, especialmente o aparcado na Rúa Galiñeira, polo perigo que poden supoñer para vehículos e pións.
O BNG que xa solicitou o pasado mes de outubro ao goberno municipal xestións para súa retirada, entende que unha vez recibida a notificación do xulgado portugués, xa non existen escusas para non actuar tendo en conta que xa van dous meses sen que ninguén se fixera cargo destes vehículos.
Cervo, 19 de xuño de 2007.
O Consello Local do BNG.