Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela: novo edificio de capitanía e subvención para traballadores

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, mantivo un encontro no Concello co capitán marítimo, Rafael Casanueva, cun representante da Dirección General de la Marina Mercante, Cándido Avendaño Salas e co arquitecto que realizará a obra, Antonio Conejo. Llano di que o proxecto “ocupará unha superficie de 1.600 metros cadrados dos que 1.359 serán de espazo útil. Simula unha ola rompendo nunha rocha, como ocorría na praia de Penoural”
O alcalde de Burela di que “o edificio terá tres andares: unha soterrada, outra a nivel de chan e unha altura máis. No primeiro andar levará unha decoración exterior de vidro en varias tonalidades azuis e mesmo en branco, simulando a espuma dunha ola. O inmoble vai chamar a atención e váille dar importancia e singularidade a Burela, porque será unha referencia en deseño e utilidade”
Alfredo Llano agradeceulles que lles presentasen o proxecto da nova Capitanía Marítima que “calculan podería estar rematada na Semana Santa de 2010, que sería unha moi boa data”. A obra terá un custe que oscilará entre os dous e medio e os tres millóns de euros, segundo os datos que hoxe coñeceu o rexedor burelés.

Por outra banda, o concello de Burela ven de recibir subvencións por importe de 220.000 euros para a contratación de 25 traballadores que realizarán obras e servizos de interés xeral e social.
Burela contratará con 10 socorristas para salvamento e socorrismo nas praias. Serán tres meses de traballo a xornada completa, que darán comenzo o vindeiro 15 de xuño. Esta subvención ascende a 44.615 euros.
O Concello contratará tamén 2 peóns de limpeza para as praias durante tres meses a xornada completa a partires do 15 de xuño. O importe da subvención é de 7.787 euros.
Burela contará cun grupo de 12 persoas que formarán o denominado GRUMIR. Son 3 capataces e 9 peóns especializados. Os contratos neste caso serán de 9 meses a xornada completa. A subvención é de 148.941 euros.
E o Concello burelés contratará tamén a un auxiliar administrativo para o banco municipal de tempo. A duración do contrato será de 12 meses a xornada completa. O importe da subvención ascende a 18.973 euros.

Exit mobile version