Site icon Crónica3.com A Mariña

O Tribunal Supremo ordena derrubar 118 vivendas en Viveiro

Edificios de Viveiro sentenciados a derrube polo TSDespois de nove anos de litixio, o Tribunal Supremo ratifica a sentenza do TSXG que ordenaba a demolición de dous edificios na zona de Lodeiro en Viveiro. Deste xeito quedan desestimados os recursos de casación presentados polo Concello e polo promotor, deixando aos propietarios en situación crítica par ao uso e venda das súas propiedades, xa que esta sentenza non é recorrible.
Todo empezou no ano 1996, cando o Concello de Viveiro outorgou licenza urbanística á empresa Marber para construír dous edificios na rúa Rio dos Foles. Daquela o concello estaba rexido polo alcalde César Aja do Partido Popular.
O 14 de xuño de 2000 o veciño Francisco José Santiago García, véndose afectado polas obras solicita ao concello a revisión e anulación das obras, considerando que non existe un estudo de detalle perceptivo segundo a lei vixente. Esta demanda non foi admitida a trámite polo concello e inicia un recurso contencioso administrativo.
En novembro de 2003 o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza fai pública a sentenza que ordenaba o derrube dos edificios, alegando que os permisos foron contrarios a dereito por non ter feito o estudo de detalle perceptivo. Nestas datas os edificios xa están construídos e habitados e no Concello gobernan en coalición o PSOE e o BNG.
Dada a situación de desamparo dos veciños propietarios dos pisos e a presión popular, o Concello decide interpoñer recurso de casación perante o Tribunal Supremo. Nestas datas o alto tribunal dá a razón ao veciño demandante e ratifica o derrube das vivendas.
As reaccións diante desta situación son variadas en función dos intereses das partes implicadas. O ex alcalde, César Aja, di que “non hay ningún problema para legalizar el edificio si hay voluntad política”. EU-IU e o BNG critican a forma na que daba as licenzas o goberno do PP. O alcalde actual, Melchor Roel, “comprométese a defender política e xuridicamente a quen pagou os pisos e compraron un proxecto de vida, que agora son os perxudicados polas ilegalidades cometidas por Aja cando era alcalde”
Pola súa os propietarios están incrédulos, indignados e sorprendidos e piden que non se execute a sentenza e preguntase ¿Quen se vai responsabilizar de todo? ¿Quen vai indemnizarnos?. E nesta situación cabe preguntarse ¿Quen se vai encargar de facer cumprir a sentenza?

Exit mobile version