Despois de dous días chovendo de continuo, o río Xunto asolagou casas e comercios das súas ribeiras na localidade de Cervo. Tamén houbo que abrir as comportas do encoro de Riocobo.
A primeira borrasca de choivas intensas dende que comezou o ano produciu problemas en varias localidades de A Mariña, e moi especialmente no concello de Cervo. Hoxe pola mañá o río desbordou a ponte do centro do pobo e entrou na Pousada o Almacén, acadando case un metro de auga nas zonas do comedor e o bar.
As as augas escorreron en abundancia facendo subir os niveis do río ate alturas onde non chegaba dende había moitos anos. As escorrentas arrastraron lama, pedras e sobre todo restos de troncos que foron taponando os ocos das pontes e xerando pequenos encoros, que fixeron buscar novas saídas á auga incluso a través das vivendas.
A empresa Alcoa viuse obrigada a abrir as comportas do encoro de Riocobo para que esta non desbordase. Isto produciu un aumento do caudal do rio ao seu paso por San Cibrao, producindo pequenos asolagamentos, que en todo momento foron controlados polos servizos de Protección Civil de Cervo.
Segundo a opinión dalgúns veciños as causas poden estar nas dificultades de correu as augas pola canle natural, debido á falla de limpeza do río e que “só nos acordamos de Santa Bárbara cando trona”.