Site icon Crónica3.com A Mariña

Galiza empeza a coñecer o valor da auga

Ata hai poucos anos ninguén se imaxinaba que en Galiza fose faltar auga. Mentres as zonas do sur teñen pasado por períodos de restrición, os galegos sempre nos gabábamos de que nas verdes terras de Breogán nunca faltaba o ben natural máis necesario para a vida, como é a auga. Neste tempo ningunha autoridade, local, provincial ou autonómica, se preocupou por facer infraestruturas con visións de futuro. A nai Natureza era agradecida e sempre mandaba a auga cando se necesitaba, incluso algunhas veces para amolar os tempos de lecer.
Agora mudaron as tornas e semella que se está instalando un cambio climático, caracterizado pola seca, pola escaseza de choiva. Por riba a terra galega, polas súas características areosas, reten mal a auga en enseguida se queda seca. É evidente que os encoros e infraestruturas para prestar o servizo da auga á poboación, estaban pensados contando coa magnanimidade da Natureza e a súa provisión infinita de auga en calquera momento. Pola contra as industrias e as poboacións aumentan o seu consumo de auga de xeito exponencial e moi por riba da capacidade dos encoros e sempre pagando a auga por baixo do seu prezo real de xestión e de valor ecolóxico.
Consecuencia disto é a escaseza de auga en moitos municipios. Hoxe o alcalde de Lourenzá láiase de que o encoro, curiosamente por falta de limpeza, non ten agua suficiente para atender as necesidades da poboación. É unha situación típica de “acordarse de Santa Bárbara cando trona”, porque a situación ven acaída do abandono dunha instalacións esencial para conservar a auga necesaria e imprescindible para a vida das persoas e das súas actividades produtivas. Casos coma este empezarán a aparecer en todos os concellos de A Mariña, a pesares de que a Natureza xa ven avisando dende hai anos, pero a desidia, a falla de previsión e o gasto de enerxía política en cerar crispacións, fai esquecer e incluso ocultar as verdadeiras necesidades dos cidadáns.
Agardemos que todos tomen conciencia da realidade e se busquen solucións rápidas, imaxinativas, con futuro e eficaces, porque sen auga os seres vivos morren de sede.

Exit mobile version