Ribadeo, 8 de abril de 2020. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) pon en marcha un curso online sobre son no automóbil. A actividade será gratuíta e poderá realizarse a través da súa plataforma de formación. As persoas interesadas en realizalo deben anotarse en apagaribadeo@gmail.com. O curso estará listo a vindeira semana. Apaga explorará outras vías para seguir coa súa actividade formativa durante o estado de alarma e nos vindeiros meses.
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, cre que “debemos poñernos en marcha e convivir coa situación que hai neste momento. Entón nós, desde a nosa plataforma de formación, creo que podemos axudar a continuar co proxecto formativo e que a xente que de momento está nas casas, e teña algún interese, conte coa posibilidade de poder facer algún curso a distancia”.
Doural explicou que “é un curso que está deseñado, xa hai un par de anos, e imos ofertalo gratuitamente. En principio creo que na próxima semana estará xa na rede. Está aberto a todo o mundo e aquela xente que estea interesada no tema de son no automóbil, que probablemente a xente nova é á que máis lle pode interesar, o único que ten que facer é mandarnos un correo a apagaribadeo@gmail.com ou entrar na nosa páxina e facer a solicitude a través de www.apaga.es”.
O presidente de Apaga dixo que “imos telo aberto para que a xente vaia facendo o curso e exercicios. Imos contar cun técnico que vai resolver todas as dúbidas que xurdan, estaremos durante un tempo limitado. Na seguinte semana posiblemente subiremos algo sobre soldadura, sempre contidos teóricos aínda que temos previsto que, cando isto remate, a xente poida reunirse novamente e facer a programación que estaba programada. Queremos que a xente que poida ir mirando todos os contidos teóricos que despois se van facer na práctica”.
Álvaro Doural adiantou que “estamos tamén mirando de poñer en marcha outra plataforma a través do canal Youtube cunha empresa de Madrid que neste momento xa está traballando neste tema. Todos os días, a partir das tres da tarde, se conecta e neste momento están conectándose sobre 1.500 persoas a esa plataforma. Déusenos a opción de poder abrir ese canal á xente que estea interesada. Iremos facendo determinadas actividades ata que volvamos outra vez á normalidade. Penso que o país tampouco se pode parar, desgraciadamente xa hai bastantes cousas paradas, e creo que debemos tamén nosoutros axudar a que isto teña unha actividade, dentro do que cabe, normal”.