Ribadeo 13-5-19. 9 de maio Día de Europa, unha data que ven celebrándose desde fai varios cursos no IES RIBADEO DIONISIO GAMALLO, e que este ano ademais conta coa subvención europea do proxecto ERASMUS+. Nesta mesma data no ano 1950 o ministro de Exteriores francés Robert Schumann convocou á prensa no Salón do Reloxo do Ministerio de Asuntos Exteriores para facer unha declaración importante; o seu discurso sería a semente do que actualmente coñecemos como Unión Europea, e unha das ideas fundamentais da súa Declaración pasaría a formar parte significativa das nosas leccións de vida: “A paz mundial só pode salvagardarse mediante esforzos creadores proporcionados aos perigos que a ameazan”.
Quixemos celebrar de forma especial esta data e planificamos unha saída ata León, cidade que a UNESCO recoñece como o berce do parlamentarismo xa que foi na colexiata de san Isidoro onde se discutiron e redactaron os Decreta no 1188. Hoxe podemos dicir que temos dado un paso firme na procura dun mundo mellor co concepto de Unión Europea e todas as garantías de dereito que supón esta idea.
O alumnado percorreu parte deste camiño social e político a través de distintas actividades no propio centro durante a mañá coa proxección de vídeos e traballos realizados na materia de Europa desde a súa incorporación ao curriculo de bacharelato no ano 2015. Xa pola tarde emprenderon rumbo á capital leonesa onde visitaron o palacio Conde Luna e a real colexiata de san Isidoro como os lugares emblemáticos da orixe europea, pero tamén tiveron tempo de visitar o Museo de Arte Contemporáneo, a catedral e a casa Botines deseñada por Gaudí e fixeron un percorrido guiado polo seu centro histórico. Xa de volta na mañá do sábado visitaron Astorga e Ponferrada e regresaron a Ribadeo.
Estas actividades do DÍA DE EUROPA veranse completadas ata finais de curso con conferencias e charlas sobre a actualidade europea. Tamén durante o mes de xuño abriremos as nosas portas a unha exposición histórica sobre aspectos relevantes da última contenda mundial e sobre os que concretaremos datos e eventos a finais de maio.