Co valor ambiental e económico, e o movemento ligado ó ciclo anual, xa temos de novo nos medios a ración asegurada de Catedrais. A máis, nesta primavera, hai novidades. Despois da morte dunha visitante por impacto ó desprenderse unha rocha do teito dunha cova, a prohibición de recorrer o alto do cantil, o alucinante dos carteis cravados nas rochas que terían que protexer, o horario limitado dos vixiantes que permite facer visitas fóra do mesmo, os anuncios nas redes lembrando que hai xeito de evitar a limitación de número de visitantes, a marea que non coincide cando quixera a xente que ven (ou sinxelamente, que non lles cadra que exista), a pretensión de algún partido de lembrar a España que Lugo ten mar (debe ser que aínda non visitaron as catedrais…) etc, hai que cobrar alento para procurar algún sentido a todo o conxunto.
Resulta que o plan de especial protección das catedrais está en marcha, despois de liortas varias que aínda saen a relocer coleando de tanto en tanto. E que especifica diversas cousas, esteñamos ou non de acordo, e estase máis ou menos a aplicar (por fases, iso si…) Pero, no medio, a vida continúa, o que ocorre e o que se fai ten consecuencias, e pode crear monstruíños, como aquel clásico goyesco do soño da razón.
Sobre a morte da visitante, o xulgado zanxou o tema a nivel legal polo momento, pero esas cousas poden volver xurdir en calquera momento, sexa pola apelación do fallo ou pola procura dunha oportunidade política lembrado cousas pasadas. Ou acaso non saía onte mesmo un partido político, a conta da pesca, para lembrarlle ‘a toda España’ que Lugo ten mar? Apunto o de ‘a conto da pesca’ porque podería parecer unha base válida, sobre outro tema, pero se mal non lembro, as cotas de pesca seguen un principio de reparto basado en autonomías, e a estrada, citada a raíz da pesca, soporta toda a actividade económica, sendo a pesca, con toda a súa importancia, unha máis das actividades soportadas pola estrada…
En canto á limitación de prazas de acceso diario, se a xente se informa un mínimo sobre a praia a visitar, chega á limitación. E a pouco máis que indague, chega a como saltarse dita limitación. Sexa de xeito legalizado, por estancia en hotel ou transporte de aluguer ou billete, sexa por horario, de xeito alegal (que non ilegal). Por exemplo, hoxe mesmo 16/04/2019, antes de que o persoal estivera por alí, debeuse poder entrar na praia en marea baixa. Mesmo de xeito máis oportuno que con pase e a media tarde, sen ese pequeno detalle da marea adversa, e sen a compensación de camiñar polo cantil, a esas horas tamén vixiado. Claro que hai unha semana, nin vixiantes por baixo nin por arriba, para saltar entre as rochas ou por riba dos arcos…
Polo que parece, o principal inconvinte para visitar as Catedrais estes días non vai ser outro que unha causa natural: a marea. Na España interior iso da marea pode non comprenderse moi ben, a pesar de estudarse na ESO, porque a xente maior non ten por que ter feito a ESO, e quen a fixo puido non ter o rendemento adecuado. E á xente do Mediterráneo, afeita a mareas duns poucos centímetros, tampouco deixa de sorprendelles. Vamos, como case todo nas Catedrais, comezando polos carteis de benvida en plan provisional coa ristra de normas e consellos. Ía poñer cutre en troques de provisional, mais sempre queda a esperanza de que rematarán facéndoo mellor, con máis tempo que supoño que non terían dende a aprobación do plan hai xa anos, en plural. E ós estranxeiros, que saben da marea? Pode darse tamén o caso, claro, pero diría que os estranxeiros que se achegan ó monumento natural teñen as cousas máis claras porque prepararon máis a visita.
Volvendo ó comezo, as Catedrais volverán ser noticia co comezo do verán, por calquera incidente ou trifulca política en calquera momento, pola realización dalgunha película ou serie alí (sen carteis visibles, claro… ou non) máis ben en tempo de poucos turistas, pola reportaxe dalgunha revista ou televisión ou clasificación nalgún lugar competitivo… ou polo impacto económico que está a mover normativa e noticias. Ás veces, será cun comentario acaído, informado, lóxico, e outras, podendo ser tamén informado, serao ó tempo por algo non tan lóxico, nun tempo en que conectar lóxica e noticia non ten por que ser moeda de cambio.