Lembro coller mazás das árbores. Lembro ver como as mulleres viñan en coche de liña ó mercado a traer os seus produtos, entre eles, mazás. E logo, velas nas tendas… ata hoxe. Hoxe fixeime nun posto tradicional dun mercado tradicional nas mazás. Cinco variedades, todas lozanas, brilantes, todas iguais. Todas, cunha etiquetiña pegada, cun número, omesmo para as do mesmo tipo. En primeira liña de venda. E logo, outras, aló, no fondo, un par de caixas con pintas, non tan lustrosas, desiguais, máis naturais.
E pregunto. E contéstanme: as do país son as do fondo, estas outras, as cinco variedades, son importadas.
A reflexión pódese facer curta ou longa, pero é necesaria, en varias direccións. Por unha beira, estamos nun país que de ser autosuficiente (se non expotador a pequena escala) en froita, pasou a ser importador neto, co que iso representa para a economía.
Por outra, o traer a froita de longa distancia implica un gasto xa non só económico, senón ecolóxico: combustible queimado. Gasto ecolóxico que se aumenta cando pensamos que a produción, mantemento e recolección de exemplares totalmente idénticos non só representa unha aplicación tecnolóxica da ciencia, senón tamén un esforzo enerxético.
Por outra aínda, a uniformización de comida do exterior supón unha dependencia sen vir a conto, cando temos aquí variedades moi aproveitables e aproveitadas durante moito tempo, quizáis con unha presenza individual non tan boa, pero cun sabor ó que, cando menos, os nosos padares están afeitos e saben aprezar.
Aínda máis, pois a postergación de variedades autóctonas pode supor a súa extinción e polo tanto, dependencia a nivel mundial, de menos posibilidades de alimentación.
Queda algo? Si. Entre outras cousas máis, supón ou allearse de coñecementos tradicionais da zona, de cultivo da mazá, empregos diferentes (para perfumar unha estancia ou roupa, por exemplo), etc, supoñendo un empobrecemento cultural tanto a nivel individual como social.
E, ben, se alguén de Mondoñedo quixera hoxe reproducir a venda no mercado (agora chamaríase ambulante) de Ribadeo ou Vilalba, podería facelo en autobús? Si, xa sei, iso sería outra historia…
Pois si, as cousas cambian, pero non teñen por que facelo para peor.