Lembroume onte o meu amigo Antonio Andina que hoxe, 13 de marzo, a web cumpre anos. E rescatei un vello artigo meu publicado na rede, ‘O comezo da historia de Ribadeo en internet’, onde queda dito que ámbolos dous puxemos o noso gran de area nesa historia dixital de Ribadeo.
O que se celebra hoxe, día 13 de marzo de 2019, son os trinta anos unha proposta que daría pé ó protocolo que levou á rede a onde está hoxe, despois de aceptar polo camiño melloras múltiples na infrastrutura e na programación.
Ven isto a conto de dúas cousas (principalmente).
Unha, que ‘a rede’, ‘a web’ ou como queramos chamalo (de xeito estrito poden considerse cousas lixeiramente diferentes) é algo que se foi facendo e evolucionando, e non se pode dicir con total propiedade que nacera o 13 de marzo de 1989. Mais os humanos somos así, e necesitamos asentar as cousas e simplificalas, asignarlles algo concreto -sexa un nome, unha partida de nacemento…- para poder tratar con elas de xeito máis natural e exercer o noso ocntrol. Cos seus efectos perversos: iso inclúe o levantar as persoas que están no punto xusto no momento adecuado dese nome, dese ‘nacemento’, e deixar sen recoñecemento adecuado a outras moitas que fixeron posible ese momento e lugar ou o seu aproveitamento. Algo que se engade a outros sesgos e que fai o recoñecemento no momento e a historia humana en conxunto, ás veces algo moi inxusto.
A outra, que é evidente que calquera que fora a nosa actuación, de non existir nós, ‘a’ e ‘as’ web terían chegado de modo parello a Ribadeo ou a calquera outra parte do mundo, cunha evolución presumiblemente non moi diferente á observada. Unha evolución que, mirada en conxunto, sen particularismos, sempre é nebulosa: hoxe, Google, o buscador usado pola maioría da xente, devolve 5 370 000 entradas se se lle pregunta por Ribadeo, moitas para trazar uns límites precisos. Pero tampouco se pode fiar un diso: se procuro por min mesmo, aparecen máis de 12 millóns de resultados asociados por diversas circunstancias, aínda que sexa evidente que as referencias a Ribadeo en internet sexan abondo máis que as referidas á miña persoa, e poda desbotar resultados só con botar unha ollada ás primeiras páxinas da lista. Na web as cousas poden ser moi diferentes do que parece a ollo nu mirando unha rúa ou unha leira. Por iso a extensión das ‘fake news’, as noticias falsas, mesmo orixinadas en lugares relativamente tan pequenos como Ribadeo, aínda que por ser nun espazo máis reducido sexan tamén máis doadas de identificar.
Volvendo ó tema, dende as primeiras páxinas web ribadenses, aló por 1996, internet ten cambiado de múltiples xeitos, e tamén de múltiples xeitos a calquera lugar como Ribadeo ou moi diferente a el. Tantos, que fai posible ese termo, ‘difuso’, que mencionei antes sobre todo pola dificultade de atopar os límites desa incidencia no cambio.
Polo contrario, Ribadeo non ten cambiado a internet, e se hoxe voltara a haber algo como o ‘plan E’, a bó seguro o acento da petición das subvencións sería aínda en cemento ou semellante, como o foi no seu momento, xa cun desenvolvemento amplo das que aínda se seguen a chamar ‘novas tecnoloxías’ quizáis só porque evolucionando, seguen a parecer novas.