Por boca do alcalde
Grazas, sr. alcalde, por facilitarnos o traballo. A alcaldía fixo pública o pasado día 23 unha nota de prensa que asumimos plenamente e lle pedimos que lea como se fora dirixida por nós para vde. Para facilitarlle o traballo, fixemos algúns comentarios:
“Eu quero falar das inxustizas e do desamparo ao que moitas veces os cidadáns (…) nos vemos abocados pola incomprensión ou polo inxusto desleixo que outras administración ou outras institucións fan sobre nós”. Verbas dun representante do grupo ‘Por Nuestro Faro’ sobre como se está a levar todo o relacionado coa Illa Pancha desde as institucións (concello incluído)? Si, claro. Mais a súa orixe é outra. Son verbas postas en boca do alcalde na nota de prensa do día 23 de xaneiro sobre como é tratado o tema do alumeado na Ponte dos Santos. Inxusto desleixo. Si, totalmente de acordo.
“Pero que non se confundan todas elas porque nós somos pequenos, pero cando a razón nos asiste non nos cala a boca ninguén, nin o Rei nin o Defensor del Pueblo, que é a quen me estou referindo”. Non, co Rei non tratamos, pero xa se sabe, unha licenza poética… De novo, subscribimos o pé da letra e podemos intercambiar as nosas palabras coas súas, que retratan moi ben o que está a suceder coa Illa Pancha, pero esta vez o alcalde de Ribadeo está á outra beira.
“Hai un tempo lle enviamos un escrito da inxustiza que tíñamos (…) por quen ten que ser o titular desa infraestrutura, que é o Ministerio de Fomento”. Si, o Ministerio de Fomento, a traverso de Puertos del Estado, exerce a titularidade sobre o faro da Illa Pancha, poder que agora quere delegar nunha empresa privada. Tamén este parágrafo retrata a situación da illa Pancha. E tamén son verbas do alcalde por un tratamento inxusto, queixas ó Defensor del Pueblo para denunciar ese tratamento. E tamén, neste parágrafo, poderiamos meter ó concello de Ribadeo da beira escura.
“O Defensor del Pueblo, con sede en Madrid, contestounos literalmente por boca do que lle dixo o Ministerio de Fomento, sendo neste caso unha mera correa de transmisión e non un órgano autónomo, independente e sobre todo xusto, que é para o que foi creado”. Aquí non podemos facer totalmente nosas as palabras: o Defensor pediu datos, pero aínda non nos deu unha contestación definitiva, e non sabemos se o fará por boca do Ministerio de Fomento ou por boca da alcaldía. Levamos desavantaxe.
“Me queda unha reflexión, ¿quen nos defende do Defensor?. En todo caso que saiban todos, as administracións que están involucradas nesta infamia, que faremos o posible e que, antes que despois, obrigarémolos a que cumpran as súas obrigas”. Aplausos.
Salvo por algún detalle, cando fala de cousas concretas da Ponte dos Santos, a nota de prensa podería estar redactada polo grupo ‘Por Nuestro Faro’ e contra Fomento e o Concello, en troques de estar feita polo alcalde de Ribadeo contra Fomento e o Defensor del Pueblo. Tal parece como se o subsconciente tivera fallado neste caso.
As citas están tomadas da nova do concello de 23/1/2017 sobre o alumeado da Ponte dos Santos.
Antonio Gregorio Montes