CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. A pasada semana deixou aos veciños da vila de Burela coa sensación de desconcerto, aquela percepción propia do que experimenta emocións contraditorias ou disociacións; xornadas marcadas pola sobreexcitación festiva e as novidades –xente nova, roupa nova, incluso una noria de épicas dimensións…- e pola resaca –un ten a idea de telo pasado moi ben de xeito simultáneo co tedio da volta á rutina, á vida cotián-.
De tódolos encontros-desencotros que tiveron lugar estes días gustaríame focalizar a atención no finamento da Banda de Música de Burela deixando tras de si 26 anos de actividade. A consecuencia inmediata deste fito é a disparidade das versións arguidas, por unha parte, polos integrantes da Asociación de Amigos da Banda e, por outra, polas autoridades municipais.
Chegados a este punto puidera pensar o lector que a síntese lóxica do exposto é que me manifeste con respecto a tales extremos, nada máis lonxe da realidade; descoñecendo as circunstancias concretas prefiro enarborar a bandeira da prudencia antes de emitir opinión.
Gustaría de enfocar a cuestión desde outra perspectiva: como sempre hai que mirar para outros lados –non imos estar facendo constantemente experimentos con gaseosa- quería resaltar que na veciña Suíza vense de culminar un proceso de dez anos que incorpora á súa Carta Magna o dereito á educación musical gratuíta dentro do sistema educativo obrigatorio. A iniciativa partiu no ano 2006 dun grupo de asociacións e escolas de música ás que se sumou o Consello Musical de Suíza e culminou materializando con un respaldo do 72,7 por cento dos votos a favor nos vinteseis cantóns do país helvético.
Seguramente alguén entenderá que con isto estou sinalando a maior eficiencia das autoridades do país centroeuropeo, mais non é así. A circunstancia realmente salientable estriba no respaldo popular e na conciencia colectiva.
En idéntico senso a nosa constitución tamén recoñece no seu artigo 44 o dereito á cultura e a obriga dos poderes públicos de promovela e tutelala, pero é que as leis sen conciencia e compromiso non serven de nada, son papel mollado.
O paradigma do modelo suízo radica, ao meu entender, en que unha porcentaxe maioritaria da súa poboación entende que a educación musical é de interese xeral e iso plásmase nas súas leis. Trasladado ao noso ámbito local na nosa man está respaldar a banda de música, as escolas de teatros, as asociacións culturais, a radio local, os festivais de música local ou as actividades deportivas… ou decantarse polo inamobilismo, polas festas etílicas electro-latinas e pola enésima reinterpretación verbeneira da Gozadera.
Finalmente lembrar que o pasado día 6 de marzo o vibrafonista burelao Israel Arranz interpretaba en Standor Wuppertal (Alemania), no Festival Europeo de Vibráfono, o pasodobre Burela; él mismo afirmaba, en relación coa fin da banda, “se considerades que a cultura e a educación son caras, probemos coa ignorancia…”
Que nunca deixe de sonar unha canción ou nos quedemos sen versos.