O próximo mércores 18 de marzo a AVV O Tesón ten previsto usar o salón de presentacións da Casa das Letras para realizar unha charla sobre a observación da Eclipse de Sol do 20 de marzo. A charla será a partir das 20.00 horas.
Falarase do que é unha eclipse, as características da eclipse en Ribadeo e os métodos de observación, habida conta que mirar ó Sol, con ou sen eclipse, sempre é un perigo para a vista.
A charla será a preparación para a observación da eclipse, e será impartida por Antonio Gregorio Montes.
Como adianto, dicir que o comezo da eclipse será ás 9 e 7 minutos , e a fin, ás 11 e 20 minutos, despedíndose a eclipse de Galicia. O máximo será ás 10 e 11 minutos, momento no que as tres cuartas partes do Sol non se poderán apreciar.
Aínda que está prevista a observación por un grupo de coñecidos, a asociación non organizará unha observación dirixida pola dificultade de mantemento entre a xente de condicións óptimas que non danen a vista e a responsabilidade que leva consigo.