Un grupo de veciños e veciñas de Ribadeo plantexámonos -como fan tamén noutros lugares de Galicia e de España- a necesidade de que a cidadanía participe e controle de xeito real a xestión dos asuntos públicos.
A nosa iniciativa non vai dirixida contra ninguén, non responde ao interese de ningún partido ou grupo político político concreto, nin é excluínte. Está aberta a todas as persoas que comparten as nosas preocupacións pola situación actual.
Vivimos unha crise non só económica senón de todo o sistema, causada pola cobiza e desexo de poder de institucións financeiras e multinacionais, que está a servir como desculpa para a aplicación de políticas de recortes de dereitos e liberdades, e para a privatización de bens públicos (pensións, saúde, servizos sociais, educación). Mentres tanto, a corrupción empreña o funcionamento das institucións políticas.
Os beneficios da especulación rematan en mans privadas, mentres que a débeda -dunha crise provocada- acaba socializada. Os gobernos, controlados polas entidades financeiras, promoven leis en favor delas mentres que unha parte cada vez maior da poboación é vítima do desemprego, da pobreza e da exclusión social.
Ante esta situación, pretendemos que a veciñanza deixe de ser un suxeito pasivo que se limite a entregar cada catro anos un cheque en branco a un partido político -controlado por un grupo de profesionais da política-. Son necesarias novas formas democráticas, transparentes e participativas, dirixidas realmente á procura do ben común.
Por iso, o noso primeiro e principal obxectivo é impulsar o proceso de construción colectiva dunha nova estrutura de goberno local na que calquera asociación, veciño e veciña (organizad@s en grupos de traballo sectoriais ou territoriais) poda participar na toma de decisións e ser informado cumpridamente da xestión que está a ser executada.
Con este fin estamos a constituír unha Plataforma Cídadá que integre e mobilize a aqueles que consideren que os intereses das persoas deben estar por diante dos intereses de grupos económicos ou partidarios, e queiran construír de xeito cooperativo un modelo coherente e sostible para o noso concello.
Esta plataforma pretende concretarse nunha Candidatura Cidadá cara a participar nas eleccións municipais de 2015, que promova:
1. A total e efectiva transparencia informativa na xestión do goberno local.
2. A participación veciñal no deseño das políticas locais e no control destas.
3. A erradicación de calquera sinal de clientelismo ou nepotismo da Casa do Concello.
Chamamos a participar nela a quen compartan, ademais, estes principios básicos comúns:
• Loitar por unha sociedade máis xusta e solidaria, dando prioridade ao ben común sobre o interese privado ou partidario.
• Traballar pola efectiva igualdade de dereitos para tod@s e a eliminación de privilexios para algúns.
• Defender as liberdades individuais e colectivas.
• Defender o carácter universal, gratuíto e de calidade dos servizos públicos.
• Salvagardar o noso patrimonio natural e cultural.
Asinantes do Manifesto:
Rocío Botana García
Jesús Javier Chao Lolo
Manuel Ramón Díaz Teijeira
Emilio García Garcia
Julio César González García
Matilde González Gómez
Antonio Gregorio Montes
Arturo Linares Martínez
Chemi Lombardero Rico
Evaristo Lombardero Rico
Francisca López de Prado Nistal
Carmen Manzanal Gómez
María Novo Fernández
Mario Penelo Riva
Eduardo Piñeiro Rouco
Elvira Posada García
David Regueiro Rama
Iván Rodríguez Lombardero
Jon Urbieta Igual
Victor Villar Caamaño
Antonio Villarino Rego
CONTACTO:
Podes informarte ou sumarte á nosa iniciativa escribindo ao enderezo ribadeoencomun@gmail.com ou achegándote á Praza de España nº25 (El Bosque Animado, Cantón dos Moreno).