O Concello de Ribadeo celebra este domingo o Día de Rosalía de Castro cun concerto impulsado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) de cara a institucionalizar o 24 de febreiro como DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO.
A Asociación convida concellos, centros de ensino, asociacións culturais a facer da data do nacemento da escritora un fito cultural anual que reivindique a calidade, modernidade e simbolismo que para a cultura galega ten a escritora de Padrón.
Este ano o Concello de Ribadeo presenta ‘Os ollos que falan’, un traballo de grande calidade musical a cargo do sexteto TEMPO CATRO (Suso Iglesias, Andrés Pazos, Antonio Romero, Pablo Salgueiro, Javi Cedrón e Begoña Lorenzo) no que se musican cantares.
O disco mostra unha Rosalía actual e viva, capaz de comunicar con nós a través de temas como a conciencia sobre Galiza e o seu estado, o amor e o desamor, o erotismo e a sexualidade, en clave nada convencionais, por certo. Todos estes temas, e moitos máis, abrollan nestes cantares agora feitos música con ritmos de valse ou de fado; de salsa ou de xota; de mazurca ou pasodobre.
Este concerto terá lugar este domingo 23 de febreiro ás 19.00 horas no Teatro de Ribadeo e a entrada terá un prezo único de 2 euros.