A Deputación de Lugo conmemora un ano máis os Días Internacionais da Árbore e da Auga, tras o éxito acadado coa convocatoria do pasado ano. Case 10.000 rapaces de 96 centros escolares lucenses participarán en diversas actividades que se desenvolverán de xeito simultáneo en toda a provincia os días 21 e 22 de marzo.
A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentou esta mañá o programa de actividades organizadas nos centros escolares da provincia para estes días. Os preto de 10.000 rapaces participantes deste ano superan amplamente ós 4.000 que tomaron parte na anterior convocatoria, feito que amosa a estupenda acollida que entre profesores e alumnos acadaron iniciativas coma a lectura simultánea du libro ou a plantación de árbores. Nesta liña, Sonsoles López Izquierdo subliñou o interese espertado por estas actividades: “tendo en conta os bos resultados obtidos o pasado ano, nesta ocasión ampliamos os nosos obxectivos e os centros da provincia respostaron con moito entusiasmo”.
A conmemoración dos Días da Auga e da Árbore, organizada con fondos propios da institución provincial, pretende “que os nosos rapaces sexan conscientes dende pequenos da necesidade de preservar o medio ambiente, comezando polo seu hábitat máis próximo, como son as Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Ancares. Estamos convencidos de que esta é unha obriga que temos dende as institucións”, destacou a Deputada. Se o ano pasado foi a de Terras do Miño, nesta ocasión é a Reserva de Ancares e montes de Navia, Cervantes e Becerreá a homenaxeada, continuando así as actividades de concienciación que a institución provincial organiza para nenos e maiores de xeito habitual.
Actos das xornadas
O Día da Árbore celébrase a nivel mundial o 21 de marzo e o da Auga, o 22, e as actividades desenvolveranse ambos días. O día 21, os alumnos darán lectura ó libro de contos Viaxe polos ríos e árbores dos Ancares, elaborado en papel reciclado ó igual que o resto de material empregado, e que nestes días xa se está a repartir polos centros. O libro conta a historia de Pituca, unha pita de monte que viaxa polas terras dos Ancares e vai atopando autores que lle contan pequenos contos relacionados coa xeografía e a natureza da zona. Estes microrrelatos son obra dos escritores Paco Martín, Helena Villar Janeiro, Marica Campo, Agustín Fernández Paz, María Reimóndez, Santiago Jaureguizar, Carmen Blanco, Xabier P. Docampo e Carlos G. Reigosa.
De xeito paralelo a estas actividades propostas, os profesores contan coa Guía do profesorado, na que figura unha unidade didáctica que lles será moi útil á hora de organizar outro tipo de actividades nas aulas, coma xogos, manualidades ou experimentos para complementar a xornada.
O día 22 será o momento de plantar unha árbore. Se o ano pasado foron carballos –dos que a día de hoxe sobrevive e medra preto do 70%-, este ano a Deputación fará entrega de 100 bidueiros ós que os rapaces lle poñerán un nome elixido por sorteo entre todos os que eles mesmos propoñan. Finalmente, ás 12:00 horas, os alumnos plantarán e regarán por primeira vez a súa árbore. Coma peche da xornada, darán lectura do conto que escollan.
Invitación a todos os colexios
A Deputación quixo que esta xornada fose o máis participativa posible, polo que se invitou a todos os colexios públicos lucenses a través dunha carta dirixida ós directores. A resposta foi positiva por parte de 96 centros -85 CEIP (Centros de Educación Infantil e Primaria), 8 CPI (Centro Público Integrado), 1 CEP (Centro de Educación Primaria) e 2 CEE (Centro de Educación Especial)-, de 64 Concellos, 44 dos cales participan por vez primeira:
– A Mariña (24): CEIP Castro de Ouro de Alfoz; os CEIP San Miguel de Reinante e San Cosme, de Barreiros; os CEIP Plurilingüe Vista Alegre e Virxe do Carme, de Burela; os CEIP Nº1 e o CEIP de Cervo; os CEIP Cantel, Fondo Nois e Nº1, de Foz; o CEIP Juan Rey, de Lourenzá; o Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo; o CEIP de Muras; o Plurilingüe da Pontenova; o Gregorio Sanz de Ribadeo; o CEIP de Riotorto; o CEIP Santa María do Valadouro; o CEIP do Vicedo; os CEIP de Covas, Antonio Pedrosa Latas, Plurilingüe Santa Rita e o CEP Luis Tobío, de Viveiro; o CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove e o CEIP Celso Currás de Trabada.
– Zona Sur (23): CEIP Rosalía de Castro de Bóveda; CEIP Xosé Luis Taboada de Carballedo; os CEIP Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo de Chantada; o Uxío Novoneyra do Courel; o CEIP Ricardo Gasset do Incio; o CEIP A Gándara e o CEIP Monforte de Lemos xunto co CEE Infanta Elena, de Monforte; o CEIP de Pobra de Brollón; o CEIP de Currelos, do Saviñao; o CEIP Virxe do Carme de Sober; CEIP Monte Baliño de Pantón; e o CEIP San Tomé do Carballo de Taboada.
– Lugo (21): CEIP de Castroverde; CEIP Plurilingüe do Corgo; CPI Dr. López Suárez de Friol; CEIP Laverde Ruiz, de Outeiro de Rei; CEIP Virxe da Luz de Portomarín; CEIP Otero Pedrayo de Rábade; os CEIP Illa Verde, Anexa, A Ponte, Sagrado Corazón, Menéndez Pelayo, Paradai, As Mercedes, Quiroga Ballesteros, Rosalía de Castro, Virxe da Soidade, Manuel Mallo, Albeiros e Casás, xunto co CEE Santa María, de Lugo; e o CEIP de Lousada, de Guntín.
– Terra Chá (17): CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, de Abadín; os CEIP Ramón Falcón e Veleiro-Docampo de Castro de Rei; o CEIP de Muimenta; os CEIP Plurilingüe Lagostelle e o Santo Estevo de Parga de Guitiriz; o CEIP O Salvador e o CEIP de Bretoña, da Pastoriza; os CEIP Antonio Insua Bermúdez e o Monseivane de Vilalba; o CEIP de Xermade e o CEIP de Baamonde de Begonte.
– A Ulloa (3): o CEIP de Antas de Ulla; o CEIP de Monterroso e o CEIP de Palas de Rei.
– A Montaña (8): CEIP Concepción López Rey de Baleira; CPI Luis Díaz Moreno de Baralla; CEIP San Xoán de Becerreá; o CEIP Ponte de Doiras e o CPI de Cervantes; o CEIP Santa María da Fonsagrada; o CEIP das Nogais e o CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro.