Lugo, 21 de marzo de 2013.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou hoxe, na gala de entrega dos Premios do Deporte Galego, os meritorios triunfos dos nosos deportistas porque, deles, asegurou, aprendemos “a importancia do esforzo colectivo”, “o valor de unión”, e que “nin o éxito nin o fracaso son definitivos”. “Cando competides, Galicia compite con vós; cando tedes un fracaso, Galicia está ao voso lado; cando triunfades, é Galicia tamén a que sube ao podio. Galicia é o voso equipo”, enfatizou.
Na súa intervención, Feijóo recoñeceu que grazas aos éxitos colleitados polos deportistas galegos, “Galicia é hoxe unha potencia deportiva”. “O mérito principal é voso, dos vosos preparadores, dos vosos coidadores e dunha infraestrutura de clubs e federacións que prestan o soporte necesario para o éxito que se colleita”, abondou.
Dos deportistas que hoxe recolleron o seu galardón, Feijóo resaltou a súa capacidade de esforzo e superación. “Todos vós sodes dignos de admiración, pero non soamente polos vosos triunfos; senón porque soubestes facer do revés o primeiro paso cara á vitoria”. O titular do Goberno galego apelou a ese “espírito de loita”, convencido, dixo, de que “está escrito no código xenético da nosa xente”. “Galicia fai de vós uns loitadores e o voso exemplo dille a Galicia cómo hai que dar resposta ás dificultades”, destacou.
Un país de esforzos colectivos que empeza a poñerse en pé
Nesta mesma liña, cualificou a nosa comunidade como “un país de esforzos colectivos”. “Os galegos sabemos unirnos nos momentos importantes para responder a problemas comúns con respostas compartidas”, dixo, para aludir ao espírito de unión e loita que sempre ten amosado o pobo galego. ”Somos un equipo humano que non se rende”, asegurou, “nos diferenza esa enerxía que nos obriga a levantarnos e seguir adiante. Quero dicirvos aquí que, de novo, empezamos a poñernos en pé”, manifestou.
“A nosa non é unha comunidade grande en extensión nin en poboación. Sen embargo, podémola facer grande con tesón e con perseveranza”, insistiu. “Galicia é máis grande cando sabe abrirse, cando non queda ensimesmada, cando sabe aprender dos demais e levarlle aos demais o mellor de nós”, aseverou.
“Galicia é máis grande grazas a eles”
O presidente da Xunta louvou os valores do deporte porque, dixo, “ten a virtude de conservar e renovar”. “A Gala do Deporte Galego depáranos a constatación de que non deixa de haber deportistas que collen a testemuña dos anteriores, nunha carreira de relevos que non ten fin”, enfatizou.
Así, o presidente da Xunta concluíu referíndose aos premiados. Relevistas como Tamara Echegoyen, Sofía Toro, María Victoria Alonso Vilariño, David Cal, Sebastián ‘Chano’ Rodríguez, Suso Morlán, Carlos Cortés e Ana Peleteiro. Igualmente, equipos como o CRAT A Coruña, o Club Deportivo Lugo, a selección de tenis en cadeira de rodas, e o Club de Hockey Barrocás.
Tamén destacou o traballo colectivo de institucións como o Centro Público Integrado Doctor López Suárez de Friol, a Volta Ciclista a España ou a Asociación Galega de Xogo Popular e Tradicional. O labor informativo de xornais como o Faro de Vigo, ou patrocinadores como Mecalia Energy Systems. E, finalmente, mencionou, ademais, os “respaldos institucionais” de organismos como o Concello de Vilalba, o Concello de Tui ou a Cámara de Comercio de Valença.
“Galicia ten en todas estas persoas, equipos e institucións, un espello onde mirarse. Galicia é máis grande grazas a eles”, aseverou, e “será máis grande se o soño de Madrid olímpico se fai realidade. Alí estará Galicia e o deporte galego para demostrar, de novo, que Galicia está en forma”, concluíu.