Santo e mártir
Parece que en Ribadeo, dende a semana pasada, temos un santo e mártir, ó estilo do santoral clásico. Para compensar, tamén habería un fanático actuando de mala fe en contra do probe do santo.
A cousa é que Balbino Pérez foi absolto pola Audiencia Provincial despois de non ter feito caso de máis dunha decea de denuncias á miña instancia. A raíz diso, un xornal publica declaracións súas nas que tenta igualar absolución con rectitude e de paso, descalificarme.
Os feitos están aí, recoñecidos, e consultables na documentación do caso e na sentencia. A confusión na interpretación que se manifesta na sentenza é consultable asemade. A pesar diso, os primeiros, os feitos, quizáis debido á segunda, polo que parece non constitúen delito. É dicir, non constitúe delito que un político faga o que fixo Balbino a pesar de recoñecer que non fixo o que tiña que facer. Ben, ó contrario da claridade dos feitos, a sentenza non é doadamente interpretable, alomenos por min, pero remito direitamente a ela. Invito á súa lectura e remito a unha próxima visión dela en internet.
Quédome polo tanto sen comentar máis a sentenza, só o farei polo momento coas manifestacións de Balbino a conto dela recollidas nalgún medio. E nin siquiera con todas, que non é necesario aínda que ningunha delas teña desperdicio.
Así, afirma que teño un problema persoal con el, que creo que podo facer política dende unha asociación veciñal, e en particular na toma de decisións que corresponden ó pleno.
Por partes: non fun eu quen deixou de tramitar as denuncias, e si quen tentou solucionar a situación en diferentes ocasións, pedindo reunirme co el e avisándoo do que estaba a facer, e que o estaba a facer mal. Tampouco fun quen no alegato final do xuízo sinalou con cabeza baixa (polo que parece agora esquecida) que sentía se tiña feito dano a alguén coa súa actuación. Así pois, cabería dicir máis ben que Balbino ten un problema persoal comigo: intentar calarme. Por outra banda, non comprendo como di que ten tanta xente con problemas persoais con el, xa que noutros lugares das súas declaracións engade máis persoas coñecidas no pobo e cita ata dez casos xudiciais, de todos os cales parece ser que logrou saír absolto, sen castigo.
Sobre o de facer política, coido que o emprega como se un arma arroxadiza se tratara, descalificando con elo ademáis ó resto de participantes nas directivas coas que compartín a honra de tentar xestionar de xeito adecuado a asociación de veciños O Tesón (por certo, nunca como presidente). A dicir disto que só os políticos que tentan facer un coto vedado da política discuten que todas as persoas temos non só o dereito, senón o deber, da participación política. Algo que axuda a distinguir as persoas doutros animais como os borregos. Sen necesidade de ‘usar’ unha plataforma de veciños, acusación que quizáis veña dada por unha desgraciadamente extendida costumbre de facer uso de diversas entidades mediante a súa manipulación dende postos de poder.
En canto á interferir nos plenos, teño curiosidade en saber como se podería facer dende os xeralmente pouco concorridos bancos ou sen asistir a eles. Teño curiosidade porque das súas verbas parece deducirse que el si sabe como pode facerse. Mesmo intúo momentos nos que puido facelo.
Fala da petición de 30 000 € por dous anos de denuncias escamoteadas incumprindo o seu deber. Só unha comparación: foi el o que reclamou máis de 12 000 € (a parte de outras partidas que non lle foron retiradas e que polo tanto, enténdese que seguiría a cobrar) por emolumentos de menos de dous meses de mandato nos que estaría cumprindo as súas obrigas. E por certo que os conseguiu! Ademáis, non foi el quen fixo célebre en Ribadeo coas súas intervencións nos plenos a frase ‘será por dinero?’
Acúsame de actuar de mala fe. Se defender os meus dereitos é actuar de mala fe, si, actuei así. Se defender a paz dos meus é actuar de mala fe, si, son culpable. Se darlle anos de oportunidades de rectificación é actuar de mala fe, entón declárome culpable de ser un inocente e crer nas persoas, mesmo naquelas nas que non debera.
Para xustificar a mala fe, fala de que o denunciei como persoa particular e non como alcalde. Pois si, resulta que non denunciei ó concello, que é o que parece el tería querido, e que segue castigado polo tema do ruído nouturno dende o 99, senón a el como responsable. Considero que non é o concello como entidade representante do pobo o responsable de que non se traten as denuncias e teña que sufrir as consecuencias. Nin a súa estrutura, así, en abstracto. Nin o pleno, que non traslada papeis. Non, coido que non son o posto nin a cadeira os responsables, senón a persoa que os ocupa. E que esteñamos afeitos polos medios a sufrir resolucións que admiten feitos pero exoneran de culpabilidade non me fai cambiar de opinión. Para entendérmonos: coido que no seu momento había un dereito de pernada, xustificado daquela dalgún xeito pola lei e o poder que a impoñía. Xa non: non o hai na actualidade e non está xustificdado legalmente.
Collo para rematar unha cita recente que se pode atopar en internet:
“Los derechos y las libertades no son gratis. Costó mucho conseguirlos y costará también mantenerlos. Hay que ejercitarlos. Hay que defenderlos. Hay que luchar por ellos. Hay que unirse para hacerlo y hay que ayudar a los que lo hacen, aunque a ti en ese momento no te afecte. Y hay que estar dispuesto a perder algo para defenderlos.”
Os feitos están aí. Os dereitos, hai que seguir a defendelos. Os de todos.
Antonio Gregorio Montes