O CONCELLO ACABA DE RECIBIR UNHA DOAZÓN DE MÁIS DE 6.300 LIBROS E 900 REVISTAS DOS FONDOS DO DRAMATURGO E ESCRITOR RIBADENSE DANIEL CORTEZÓN. SUÁREZ BARCIA SUBLIÑA QUE DESTE XEITO A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE RIBADEO SE CONVERTE NUNHA DAS MÁIS IMPORTANTES DA PROVINCIA DE LUGO.
Ribadeo, 8 de outubro de 2012. O Concello de Ribadeo acaba de recibir unha doazón de máis de 6.300 libros e 900 revistas, dos fondos do dramaturgo e escritor ribadense Daniel Cortezón, seguindo así as indicacións que él fixo antes do seu pasamento hai tres anos. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, subliña que deste xeito a biblioteca municipal de Ribadeo se converte nunha das máis importantes da provincia.
O rexedor dixo que “cúmprense tres anos do pasamento de Daniel Cortezón e este persoeiro, xa en vida, deixou dito que precisamente moita da súa formación intelectual, moita da súa formación autodidacta foi adquirida das lecturas dos libros da biblioteca pública El Viejo Pancho de Ribadeo, e dixo que unha grande parte da súa colección de libros, que foi mercando, adquirindo e recollendo, quería que pasasen a engrosar os fondos da propia biblioteca El Viejo Pancho, como eterno agradecemento a Ribadeo por tela disfrutando cando era novo”.
Suárez Barcia explicou que “a súa viúva fíxonos entrega xa ao longo destes últimos tempos, pero a semana pasada documentamos a través dun acta de doazón, unha primera remesa de volumes. Son 6.385 libros e 907 revistas. Moitos son en galego, en castelán, en portugués, catalá, francés sobre diferentes temáticas. Agora máis para adiante virán máis libros do que foi a obra de Daniel Cortezón e unha colección de libros das Figueiras, de Castropol, de Ribadeo, da Veiga, do que él chamaba Comunidade cultural da ría. Iso tamén virá máis para adiante”.
Agora o traballo do Concello, en palabras do alcalde, será “manter, catalogar, cuidar e facer unha sección dentro da biblioteca municipal, que a parte do fondo xeral xa ten un fondo específico, que se está a calatogar de Gamallo Fierros, e agora terá outro apartado específico chamado fondo Daniel Cortezón, de tal xeito que os volumes que hai na biblioteca pública El Viejo Pancho casi os 32.000 fondos propios, máis os fondos de Daniel Cortezón e Gamallo, estas instalacións pasarán a ser unha das bibliotecas máis ricas e máis importantes de toda a provincia de Lugo”. Fernado Suárez considera que “despois da biblioteca provincial de Lugo a de Ribadeo é a que máis fondos ten de toda a provincia. Iso é un mérito, un orgullo e un agradecemento que lles temos que facer a estas persoas que fixeron posible todas estas cesións, as de Gamallo e Cortezón, as de todas as persoas que nos foron cedendo libros todos estes anos, a parte dos libros que o Concello vai adquirindo paseniñamente e que temos aquí para disfrute, goce, lectura e aprendizaxe dos nosos veciños e veciñas de Ribadeo. Todos saben que poden disfrutalos durante todo o ano”.