O POLÍGONO INDUSTRIAL XA DISPÓN DE ALUMEADO PÚBLICO, DESPOIS DE TRES MESES DE ESPERA, SEGUNDO ANUNCIABA HOXE O REXEDOR.
Ribadeo, 28 de xuño de 2012. O polígono industrial de Ribadeo xa dispón de alumeado público, despois de tres meses de espera, segundo anunciaba esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor sinalou que “por fin despois de tres meses de espera o polígono industrial de Ribadeo xa dispón de alumeado público desde hai tres ou catro noites. Como dicía despois de que desde hai tres meses o Concello de Ribadeo, coma un cliente mais, solicitase en tempo e forma con todos os boletíns de enganche e con toda a documentación precisa o servizo de alumeado público. Unha vez resoltos os problemas entre diferentes empresas subministradoras e comercializadoras de electricidade por fin xa dispoñemos de todas as autorizacións e as naves alí ubicadas poden traballar con toda a seguridade vendo como están xa iluminadas todas as parcelas, todo o polígono”.
Suárez Barcia cre que “con isto rematamos un proceso onde o polígono industrial de Ribadeo ao longo dos tres últimos anos tivo que enfrontarse a moitos retos e problemas de subministración eléctrica, de licitación das obras, de remate delas en prazo e ao final quedaban flecos como éste do alumeado público, que agora xa está a funcionar para maior seguridade e para cumprimento de todos os requisitos que debe ter unha parcela industrial”. O alcalde engadiu que “agora nos vindeiros tempos teremos que celebrar unha xuntanza da entidade de conservación, da que formarán parte o Sepes (empresa pública do Ministerio de Fomento), o Concello de Ribadeo e os propietarios das parcelas adquiridas. Teremos que facer o reparto dos gastos, etc, como si fósemos unha comunidade de veciños”.
Para o rexedor “o importante é que o polígono industrial está a funcionar con normalidade”.