Nota de prensa
O GRUPO MUNICIPAL DO PP RECÓRDALLE AO CONCELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE A OBRIGA QUE TEN O CONCELLO DE GARANTIR A CALIDADE DE VIDA DOS VECIÑOS E VECIÑAS DA VILA.
Dende o PP denunciamos a falla de adopción polo Concello de medidas que poñan fin á praga de estorniños que asola a nosa Vila, e que afectan á calidade de vida dos veciños e veciñas
Cando na maioría de pobos e vilas do noso entorno vénse actuando dende fai anos para acabar cos durmideiros comunais de estorniños, no Concello de Ribadeo a última actuación ao respecto foi no ano 2005, e é esta falla de control a causa de que esta praga incontrolable a medida que avanza o tempo vaia facéndose maior.
Recordámoslle ao Concelleiro de Medio Ambiente que o problema no é só que esta praga non nos deixe ver o ceo, que xa de por sí é grave, senón que estas aves son orixe de graves molestias para os veciños e veciñas e causa de graves danos para os bens e para o mobiliario urbano.
Ademais de que o griterío continuo e estridente que manteñen estas aves durante toda a noite provoca evidentes molestias aos veciños, o seu agrupamento en torno a determinados edificios ocasiona o cúmulo de grande cantidade de excrementos, ensuciando as rúas e edificios, provocando mal olor, ademais de proporcionar un bo medio para a aparición de fungos, algún dos cales puideran resultar daniños para a saúde, e cuxo carácter extraordinariamente ácido provoca a abrasión dos materiais onde se asentan plantas, mobiliario urbano, vehículos, roupa, edificios… e todo elo sen esquecer o grave risco de escorregóns que supoñen para os viandantes nos días de choiva.
Ao fin de evitar estes graves riscos, é que dende o Grupo Municipal do PP rexeitamos a resignación amosada polo Concelleiro de Medio Ambiente fronte a este problema e pedímoslle ao Alcalde e ao seu equipo de goberno que seguindo o exemplo doutros Concellos e Vilas se adopten as medidas necesarias para acabar con esta praga que está a afectar gravemente á calidade de vida dunha boa parte dos nosos veciños. Pedímoslles que busquen solucións ao problema neste momento antes de que siga indo a máis e antes de que os danos destas aves sexan maiores, xa que máis vale facer dende o Concello un pequeno gasto agora destinado a garantir a calidade de vida dos veciños, como mal menor, que ter que facer fronte no futuro a un gasto maior pola necesidade de acometer outros custos derivados xa sexa da limpeza das rúas, mobiliario urbán…. ou da necesidade de asumir posibles reclamacións veciñais xustificadas no seu dereito a que dende o Concello se lles garanta unha calidade de vida axeitada.