Nota de prensa
O CONCELLO AMPLIARÁ EN MEDIA HORA O HORARIO DE PECHE DAS TERRAZAS EN RIBADEO. NO PLENO CELEBRADO HOXE ACORDÓUSE ESTIMAR PARTE DA ALEGACIÓN PRESENTADA POR ACISA Á MODIFICACIÓN DA CORRESPONDENTE ORDENANZA REGULADORA.
Ribadeo, 29 de decembro de 2011. O Concello ampliará en media hora o horario de peche das terrazas en Ribadeo. No pleno celebrado hoxe acordóuse estimar parte da alegación presentada por ACISA á modificación da correspondente ordenanza reguladora.
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “despois do pleno ordinario que tivéramos hai máis dun mes para a aprobación dunha serie de ordenanzas actualizando o IPC ou outras delas modificándoas profundamente, como é caso da ordenanza das terrazas, hoxe tivemos unha sesión para estimar ou desestimar as alegacións presentadas a varias desas taxas”.
O rexedor sinalou que “no caso das terrazas dos restaurantes, dos bares, etc, desestimamos unha alegación presentada pola asociación de veciños A Atalaia e outra plantexada por un particular e estimamos parcialmente unha parte da alegación presentada pola Asociación de Comerciantes de Ribadeo. Váise ampliar un pouquiño máis o horario de peche das terrazas, pasarán de pechar ás doce e media noite os días de semana e festivos a facelo ata a unha da madrugada, e os venres, sábados e vísperas de festivo en lugar de pechar ás unha e media da madrugada faráno ás dúas. É dicir incrementaráse en media hora ese horario de peche das terrazas en Ribadeo”. Ao equipo de goberno non lle parece prudente ir a máis aló “pola cuestión do ruido, pero vemos razoable esta proposta, entre outras varias, que presentou a Asociación de Comerciantes”.
Suárez Barcia lembrou que “había momentos en tempos pasados nos que algunhas terrazas invadían prácticamente a totalidade da vía pública, facendo difícil que os propios peóns puidesen transitar con normalidade e trátase de normalizalas e homoxeneizalas a todas coas do seu interno”.
O alcalde ribadense contou que “o outro punto que vimos no pleno de hoxe foi a ratificación dunha comisión bilateral de vivenda no que ten que ver coas áreas de rehabilitación de Ribadeo e de Rinlo por unha serie de desencontros que mantiveron a Xunta e o Ministerio. Esas desavenencia ocasionaron que varios Concellos, entre os que se atopa Ribadeo, tivésemos unhas cantidades importantes, arredor de 400.000 euros, pendentes de ingresar por obras públicas que tiñamos feito ou por outro tipo de subvencións que estaban pendentes de pago a particulares por rehabilitación de vivendas. Xunta e Ministerio salvaron esta discrepancia hai algún tempo e agora tocábanos aos Concellos ratificar este acordo e así o fixemos por unanimidade”.
Ponte dos Santos
Fernando Suárez referíuse hoxe ao corte de luz, que sufriu xa estes días, o alumeado da ponte dos Santos, “o Concello non é para nada responsable dese corte de luz tal e como insiste o Ministerio de Fomento en dicir que seremos responsables os Concellos de Castropol e Ribadeo se non hai luz e se produce algún incidente nese espazo”. O alcalde rexeita categóricamente esas afirmacións de Fomento, “dado que nin o Concello de Castropol nin o de Ribadeo somos responsables de elementos que non son da nosa titularidade. Sempre se alude a convenios, que eu nunca vin por escrito da pertinencia de que Ribadeo tivese que pagar un céntimo polo alumeado público da ponte dos Santos. E mais moitas veces me teño referido a que desde hai varios anos na autovía A-8 ao seu paso pola parroquia ribadense de Vilaselán todo ese alumeado non o asume o Concello de Ribadeo senón que se encarga a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. Polo tanto nunca o imos facer na ponte do Santos e a responsabilidade do corte de luz será do seu titular, que é o Ministerio de Fomento”.
Roubos
O rexedor tamén aludiu á oleada de roubos rexistrada hai uns días en Ribadeo e ás críticas verquidas pola oposición municipal. Suárez Barcia dixo que “PSOE, PSOE e UPRI están todos disgustados porque o alcalde amose a súa preocupación por estes roubos e pouco menos que vou ser responsable destes feitos e incluso da morte de Viriato… reafírmome en todo o que dixen. Estou moi satisfeito cando se fan as xuntas locais de seguridade con representantes da Subdelegación do Goberno, da Garda Civil e dos diferentes corpos, pero téñome queixado moitas veces que os acordos adoptados non se plasman na práctica”.
Fernando Suárez lembrou que “esa foi a miña queixa do outro día, xa que houbo varios roubos en Ribadeo e nin a Policía Local se enterou nin o alcalde. O de menos é que se entere o alcalde, a min o que me preocupa é que se entere a Policía Local, que os chamen, que os avisen para que eles poidan axudar. O alcalde o que quere é coordinación entre os diferentes corpos de seguridade, ben sexa a Policía Local ou a Garda Civil, e para mostra un botón xa que despois de facer esas declaracións, nas que me reafirmo da primeira a última palabra, noto positivamente un cambio de actitude, noto que está a haber unha maior coordinación porque, segundo me din os responsables da Policía Local, a Garda Civil empeza a chamar e a comunicar aspectos para a coordinación de actuacións, para indicar que se producen determinados incidentes e que a Policía Local poida participar”.
O alcalde de Ribadeo subliñou que “só queremos axudar nunca entorpecer, eso foi o que fixen e que tanto lle molesta á oposición, pero eles están no dereito de dicir o que lles apeteza e eu estou no meu deber de intentar garantir unha convivencia pacífica en Ribadeo”.