Nota de prensa
A Deputación, obrigada a reducir residencias da 3º idade ante a negativa da Xunta a concertar prazas
– Besteiro amosa o seu profundo disgusto polo rexeitamento da Xunta a concertar prazas nos centros públicos da institución como si fai en residencias lucenses privadas, feito que bloquea a creación de 400 empregos na provincia
– O Presidente explicoulle á Conselleira que ningunha administración galega está disposta hoxe a poñer enriba da mesa 15 millóns de euros como fai a Deputación para construír residencias e centros de día, respaldados ademais por Concellos de todas as cores políticas
– Mato asegura que as 12 dotacións sociais da institución luguesa “non son prioritarias” malia que Lugo é a provincia galega máis avellentada e a que menos residencias posúe
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, mantiveron este mércores un encontro en Santiago de Compostela no que abordaron a construción das 12 residencias con centros de día que vai a construír o organismo provincial en Concellos lucenses de todas as cores políticas, investindo en solitario máis de 15 millóns de euros tal e como reflexa o Orzamento para 2012 da institución, recentemente aprobado.
Trátase dunha reunión demandada de xeito reiterado por Gómez Besteiro ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dende hai 2 anos. A finalidade era que o Goberno galego concertase prazas nas residencias públicas da Deputación como si o está a facer en centros privados da provincia, unha necesidade ratificada en numerosos estudos e mesmo documentos oficiais da Xunta de Galicia. Segundo datos do Manual de Traballo, Información e Asesoramento en Servizo Sociais (MATIASS) da propia Xunta, o Goberno galego ofrece na provincia 787 prazas concertadas das que, na súa gran maioría, concretamente 648, concéntranse en 8 residencias privadas e 103 en 6 centros de iniciativa social, é dicir, fundacións ou congregacións relixiosas. Deste xeito, o Presidente buscaba neste encontro que o Executivo galego concedese á Deputación luguesa o mesmo trato que está a dar a entidades privadas na provincia, feito ó que se negou a Conselleira.
Gómez Besteiro salientou que “estou profundamente disgustado. A rede de residencias é un proxecto de moita ilusión na provincia, no que hai total unidade e onde compartimos responsabilidades Deputación e Concellos. Hoxe é case imposible que algunha administración conte con 15 millóns de euros a plena disposición dun proxecto desta natureza. Aínda que respecto os argumentos da Xunta, temos que ter en conta que o 33% dos lucenses son maiores de 60 anos. Ademais, estamos ante unha iniciativa xeradora de emprego, con máis de 400 postos de traballo directos e indirectos. Por todo elo, confiaba nas portas abertas da Xunta. Nós imos seguir adiante con este proxecto. Todas as administracións temos problemas económicos, non só a Xunta. Esta negativa vainos a condicionar a posta en marcha das 12 residencias con centros de día. O serio é levalo agora ó Consello de Administración de SUPLUSA para reprogramar e reducir o número de residencias”.
Pola súa banda, Beatriz Mato destacou que un estudo técnico da Xunta detecta a necesidade de crear 4.000 prazas públicas en Galicia nos vindeiros 10 anos. Este estudo prioriza o eixo atlántico. A Conselleira considerou que “estas necesidades reais” non existen en Lugo porque, segundo os seus cálculos da Lei de Dependencia, “na provincia só teñen 68 solicitudes de prazas públicas pendentes de colocar coa Lei de Dependencia”.
Lugo, a provincia galega máis avellentada e con menos residencias
O MATIASS, documento imprescindible entre todos os traballadores sociais de Galicia para construír residencias, mantén que a provincia lucense é a que menos centros de atención á terceira idade, con 49. Destes, 30 son públicos e 19 privados. Pola contra, Ourente ten 97, A Coruña 82 e Pontevedra 67. As mesmas fontes constatan que Lugo é a provincia con menos prazas residenciais con 3.507 fronte ás 6.060 da Coruña, ás 4.682 de Ourense e ás 4.405 de Pontevedra. O Mapa Galego de Equipamentos Sociais apunta que Lugo presenta un déficit de 1.228 prazas residencias. Pola súa banda, o Plan Estratéxico da Deputación asegura que o 61% das prazas son privadas fronte ó 39% das públicas. Ademais, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, Lugo é, xunto a Ourense, a provincia máis avellentada de Galicia, xa que o 33,7% da súa poboación ten máis de 60 anos, o supón 6 puntos por riba da media galega.
500 novas prazas e 400 postos de traballos
Ante esta situación, a Deputación, malia non ter competencias directas en materia de benestar social ó corresponder estas ó Goberno galego, viuse na obriga de colaborar cos Concellos ante a pasividade da Xunta na provincia, asumindo a construción de 12 novos centros para maiores na provincia coas que reduciría o déficit existente na materia e se crearían novos postos de traballo. Deste xeito, os centros da terceira idade da Deputación conlevarían que en Lugo existisen 500 novas prazas en residencias e centros de día, así como 400 novos empregos directos e indirectos (coidadores sociais, ATS, enfermeiros, persoal administrativo, cociñeiros, persoal de limpeza…), unha circunstancia hoxe frustrada coa negativa da Xunta.
Colaboración de Concellos de todas as cores
A creación da rede de residencias saíu adiante grazas ó xiro radical que a Deputación lle deu o pasado ano ás políticas de actuación de SUPLUSA -que ata o momento só se adicaba a crear solo industrial- logo de detectar que había unha clara demanda destes servizos de atención ós maiores. O Pleno provincial aprobaba por unanimidade, é dicir, co apoio de PSOE, BNG e PSOE, a encomenda de xestión das residencias a dito organismo dependente da institución provincial, así como os Concellos onde se situarían. Estes eran os seguintes: A Fonsagrada, Meira, Riotorto, Trabada, Guitiriz, Castroverde, Ribas do Sil, O Saviñao, Pol, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna, Pobra do Brollón. Ditos municipios, de todas as cores políticas, sumáronse á iniciativa da institución, acordando aportar os terreos necesarios, os servizos urbanísticos e participar no financiamento mediante unha achega de tan só 200.000 euros. Mentres a Deputación faríase cargo dos restantes custes, investindo máis de 15 millóns de euros.